A espera dun destino definitivo e dunha plena dignificación por parte do Concello de Vigo, o Arquivo Pacheco continúa a ofrecernos probas da súa riqueza. A mostra Arquivo fotográfico Pacheco. Documento gráfico contén materiais valiosos que documentan as seleccións das obras no propio estudio, o traballo de retoque e mesmo a realización de fotomontaxes.

O Arquivo Pacheco posúe un riquísimo legado gráfico que é froito dun labor profesional desenvolto desde 1870. A historia comeza cando, na década dos setenta do século XIX, se instala en Vigo o fotógrafo italiano Filippo Prosperi. Tras a morte deste, a súa viúva Cándida Otero pasa a facerse cargo do negocio. O estudio tería continuidade e adquiriría a súa plenitude cando o fotógrafo de orixe portuguesa Jaime de Sousa Guedes Pacheco pasa a ser responsábel do mesmo a partir de 1915, logo dunha etapa de asociación con Cándida Otero, coa que traballa desde 1907.

Jaime Pacheco morrerá en 1954 aos setenta e seis anos, ficando á fronte do negocio os seus fillos Alberto e Jaime, que morreu en 1981, e a súa neta Susi. En 1994 fecha definitivamente Foto Pacheco. Tres anos antes, a familia fixera doazón ao Concello de Vigo do arquivo fotográfico, memoria de máis dun século de historia da cidade. Falamos, pois, dun rexistro gráfico de grande valor documental para Vigo e Galiza.

A actual mostra ofrece unha escolma dos riquísimos fondos do arquivo permitindo enxergar aspectos da vida da cidade de Vigo, entre os que salientan espectaculares documentos como o incendio do Teatro Rosalía de Castro en 1910 ou inédidas imaxes da vida cultural, como as que rexistran diferentes exposicións pictóricas, planos de edificios ou obradoiros de artistas, documentos de notábel interese para o conecemento do medio artístico local e galego, nos que agroman nomes como os dos pintores Imeldo Corral e Laxeiro ou dos arquitectos Antonio Palacios e Francisco Castro.

Pacheco e os seus colaboradores estaban sempre no lugar oportuno e no momento indicado, inmortalizando coa súa cámara episodios fundamentais da historia de Galiza e da cidade; así podemos asistir aos fascinio pola aventura da modernidade que caracterizou os primeiros anos do século XX -moi representativa a fotomontaxe que combina un primeiro plano de labregas sachando e un segundo cun grande buque de vapor-; podemos contemplar o dinamismo portuario; a emigración a América, as concentracións de repatriación dos soldados das campañas funestas realizadas polo exército español en Marrocos ou o desenvolvemento espectacular da cidade. En todos estes documentos gráficos asistimos á presenza constante da xente na rúa, mesmo das masas, unha das características visuais máis rechamantes dos primeiros anos do século pasado e das que o arquivo posúe exemplos de sobranceira calidade e interese.

As fotografás tamén constitúen un documento imprescindíbel para o coñecemento gráfico das tensións que vive a sociedade galega da primeira metade do século XX coa Guerra Civil como punto culminante. As súas imaxes son máis intensas e impactantes que moitas páxinas de historia, fotografías como "Enterro dun militante obreiro", "Unión de Hermanos Proletarios" ou "Desfile fascista", son bos exemplos, con eses símbolos nazis desfilando polas rúas viguesas, que teñen un efecto demoledor sobre todas as manobras de ocultamento agachadas en palabras como "réxime anterior" tan usadas nos círculos de poder de hoxe en día.

A riqueza do Arquivo Pacheco fornécenos un documento imprescindíbel para coñecermos tamén como era a vida pretérita na súa cotidianidade, a vida da cidade, a vida da xente, os acontecementos máis comúns, as marcadas diferenzas de clase. Daquela podemos ver representadas con toda nitidez todas as camadas sociais, a vitalidade e dinamismo das rúas da cidade co seu frenético ritmo de crecemento -construcións, autos, motos, tranvía...-, a vida societaria e industrial, os estaleiros, as fábricas, os deportes, os primeiros coches de punto, os cafés, as imprentas e xornais, entre eles o propio FARO DE VIGO do que se presentan fotografías tiradas na súa rotativa.

Acontecementos sociais