LOURDES VARELA

- Vde. residía na Arxentina, e seica vivía bastante ben alí. Que foi o que o levou a tomar en 1961 a decisión de trasladarse a Cuba? Ou, en realidade, pensaba. nun principio, quedar pouco tempo na illa?

-En 1961 levaba eu doce anos en Bos Aires, onde estudei música, fixen a carreira de Xornalismo, creei as Mocedades Galeguistas con outros mozos emigrados, casei en 1957 con Anisia Miranda, publiquei os dous primeiros libros e botamos a andar a editora galega Follas Novas. En Cuba triunfara unha revolución popular que tivo unha enorme resonancia no continente. Na Arxentina apoiabámola moitos, incluíndo milleiros de emigrantes galegos e as asociacións que os agrupaban. Decidimos, Anisia e mais eu, poñer o noso modesto gran de area naquela fermosa empresa de erguer unha nova sociedade, sobre os cascallos da vella que estivera lastrada pola corrupción, a miseria e o envilecemento de todo un pobo. Radicámonos alí. Tal era o noso propósito; nunca pensamos nunha estancia temporal.

-Chegou a Cuba pouco tempo despois do triunfo da Revolución. Cal era o ambiente que se respiraba no país por aqueles anos?

-Un ambiente de entusiasmo, de solidariedade, cun sentimento de todos para todos, coa participación plena de homes e mulleres que vivían unha emoción colectiva e se sentían donos do seu destino.

-Un dos seus primeiros traballos foi no ministerio que dirixía o Che Guevara. Mantivo contactos directos con el? Como era o Che de perto?

-Participei con el en reunións bimestrais de dirixentes do ministerio de Industrias, durante tres anos. Era un home excepcional, dunha gran sabedoría, valente, modesto, cun gran sentido do humor. Sempre solidario, axudando a todos. Víñalle de lonxe na familia aquel lema de: "Non roubar, non mentir, non ser covarde". De par del cortei cana de azucre e traballei nalgunha fábrica en xornadas de traballo voluntario. Era un mestre para todos nós, malia a súa idade, pois cando o mataron en Bolivia tiña só 39 anos. Era un home culto. Doíanlle as inxustizas do ser humano, e tal actitude era de alcance planetario.

-Cando comezou a ter Vde. contacto cos emigrantes galegos en Cuba e cales foron as persoas que o introduciron no ambiente cultural dos galego-cubanos?

-A emigración rematara arredor de 1930. Só quedaban algúns galegos anciáns; cada vez menos. As asociacións íanse extinguindo por lei natural. Tratei a diversos paisanos, case todos incorporados ás múltiples actividades colectivas do proceso revolucionario. Cos anos ían morrendo os homes e as asociacións. Por iso, cando me propoño crear unha entidade para estudar e divulgar a presenza da nosa emigración ao longo dun século, diríxome a unha institución do Estado cubano. Acollen a iniciativa no Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias (esto non se me tería permitido en ningún outro país de América). Danme facilidades para a creación dunha Sección Galega, que viña sendo un departamento máis do Instituto: un local, un mobiliario mínimo, unha investigadora, coordinacións para incorporar estudantes universitarios, e levabamos a cabo importantes actividades de investigación e divulgación, que sería longo enumerar aquí.

-Unha parte de Días de Cuba está dedicada ás súas relacións de amizade con escritores como Nicolás Guillén ou Alejo Carpentier. Con cal dos escritores cubanos mantivo Vde. unha maior relación?

-A relación co gran poeta Nicolás Guillén iniciarámola en Bos Aires en 1958. Publiquei en galego (Ediciós do Castro) un libro con 39 poemas del. A Carpentier coñecímolo en 1963 e fomos amigos de por vida. Tamén del publiquei un libro en galego: a novela O camiño de Santiago. O profesor e ensaísta José Antonio Portuondo era o director do ILL cando creamos a Sección Galega. Samuel Feijóo, fillo de galegos, publicou traballos meus nas revistas Islas e Signos, que el dirixía. Fun moi amigo dos dous primeiros e dos restantes que aparecen no libro. E de moitos máis escritores, artistas e profesores cubanos que non menciono pola necesaria brevidade, tanto no libro que estamos comentando como na presente entrevista.

-Quixera que me lembrara o seu encontro con García Márquez.

-Si, tiven un encontro con García Márquez, na Escola Latinoamericana de Cine, da Habana. Entrei na aula onde el estaba impartindo unha clase sobre redacción de guións cinematográficos. Unha clase amena, brillante, que matizaba con exemplos de obras literarias e películas. Os alumnos, cubanos e doutros países, preguntaban con moito interese. Despois da clase sentámonos con el na cafetería. Conmigo ían Anisia e uns cineastas franceses, que preparaban un documental sobre a emigración. Conversamos un anaco: do cine, dos emigrantes, do conto como xénero€Home cordial, conversador. Tiña una voz clara con inequívoco acento caribeño, sorriso fácil e un agudo sentido do humor. Na conversa abordamos tamén, brevemente, dúas ou tres das súas novelas.

-Outro apartado do libro está dedicado ás "Cartas a Luís Seoane". Seoane residía na Arxentina. Por que decidiu engadir esas cartas a este libro que fala dos seus días en Cuba?

- Trátase de "cartas" supostas. Digo que son intemporais, porque Seoane morrera anos antes de eu escribilas. Vén sendo un recurso literario para contar diversas cuestións sobre o ser e o actuar dos cubanos; sobre costumes, comidas, lugares, feitos históricos, etc., que en vez de contalos en capítulos, valinme dese "epistolario", como unha modalidade máis do xeito de contar. Como son "intemporais", tampouco aparece nelas a localización do destinatario. Seoane vivira en Bos Aires, pero, lamentablemente, xa non vivía en ningures. Era un dos meus grandes amigos e por eso me dirixo a el. Era un dos galegos mellor informados do diverso acontecer mundial. Foi un dos que máis nos animou para que marchásemos a Cuba; dicía que se el tivese a nosa idade, tamén iría. Ilustrou tres libros meus e prologou un deles, Historias de emigrantes. Seoane fundou e dirixiu varias editoriais galegas na capital arxentina. Non existía un canal de distribución do libro galego e alegrouse moito cando creamos a organización Follas Novas. Dous días antes de irnos para Cuba, regalounos un fermoso óleo que nos acompañou na Habana e segue conmigo en Gres. Maruxa deunos dez gravados del en madeira; están na sala de exposicións e concertos da nosa Fundación (esta

sala leva o nome de "Luís Seoane").

-O seu interese pola memoria histórica dos emigrantes galegos, iniciouse en Cuba ou xa comezara Vde. con ela na Arxentina?

-En Bos Aires comecei a interesarme pola obra dos nosos emigrantes e publiquei algúns artigos sobre os que destacaran no Prata. Pero foi en Cuba onde entrei de cheo nas investigacións. Viña de publicar un poemario, dúas novelas e dous libros de contos, e cando vin a inmensa obra que a nosa xente levara a cabo en Cuba, abandonei por anos a ficción e dediqueime a investigar. E, daquela, ata hoxe, porque queda aínda moito por investigar. É un tema de enorme importancia ata o punto de que a Historia de Galicia estaría mancada se non temos en conta a parcela da diáspora.