Os cidadáns xa non terán excusas para non achegarse ao patrimonio. Ademais do interese arquitectónico que este poida espertar xa por si mesmo, a Consellería de Cultura engádelle unha programación "que convida a achegarse ao monumento con alto interese polo aspecto musical ou escénico que vai ter lugar alí". Así explicou onte Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, a filosofía do programa Monumenta, que este ano chega a súa segunda edición levando a once concellos galegos, entre eles dous de Pontevedra -Tui e Marín-, propostas de lecer e divulgación. Os escenarios nos que se desenvolven as actividades -dende igrexas e mosteiros, ata pazos, pasando por xacementos arqueolóxicos- son espazos restaurados recentemente, ubicados sobre todo no entorno rural, e espallados polas catro provincias.

Uxía, Narf e Germán Díaz serán algúns dos artistas que porán a música a un ciclo no que tamén poden atoparse propostas de obradoiros, paseos -mesmo musicados-, faladoiros e visitas guiadas. É dicir, "fórmulas que promovan unha vivencia nova e singular dos bens patrimoniais, que se traduzan nun maior aprecio e coñecemento dos espazos", explicou Lorenzo.

Ademais esta edición inclúe como novidade, suliñou, o achegamento aos centros escolares, para o que conta cunha programación pedagóxica dirixida ao alumnado co obxectivo de "implicar aos rapaces na necesidade de velar polo patrimonio". Este aspecto vaise desenvolver sobre todo no rural. Nas localidades de maior poboación, Ourense e Santiago, a participación dos escolares e máis os seus pais fomentarase mediante obradoiros.

O patrimonio escollido nesta ocasión para protagonizar Monumenta son as catedrais de Tui, Ourense e Santiago, as igrexas de Santa María da Magdalena de Sarria e de Santa María de Melide, o Parque Arqueolóxico de Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, o convento de Ferreira de Pantón, o castelo de Tovar en Lourenzá, o santuario das Ermidas e o castelo do Bolo e, finalmente, os petróglifos de Mogor, en Marín.

O ano pasado esta experiencia "pioneira" tivo unha "excelente" acollida -un cheo en case todos os actos programados- o que animou á Xunta a repetir a proposta. Cultura, explicou Lorenzo, confía en que as metas para as que se deseñou o programa se cumpran tamén nesta ocasión e "ter máis anos de ciclo".

Nese sentido sinalou que o obxectivo principal da xénese de Monumenta é "promover unha reflexión local e unha maior participación da veciñanza en relación con seus bens patrimoniais", buscando facela partícipe dos procesos de restauración e conservación. Para iso intégranse no programa colectivos locais, como grupos de baile, estudiosos da historia local e agrupacións musicais, con "artistas e grupos galegos consolidados".

De feito, a "implicación" local está na mesma base do proxecto, toda vez que, como explicou o seu coordinador, Julio Gómez, de Sinsal, antes de deseñar as actividades hai un "contacto co territorio" onde se ubica o monumento a través do concello, diversos colectivos e os centros educativos.

Aínda que a base do proxecto estea en implicar aos viciños, Lorenzo indicou que o ciclo tamén "ten a misión de contribuír a un certo turismo cultural en Galicia".