O programa "Ribeiras" trasládase hoxe a San Cibrao para dar a coñecer o pouso da cultura mariñeira nesta vila a través da historia do matrimonio formado por Moncho Rivas e Amelia Pernas, coñecendo entre outras cousas o Museo do Mar e a lenda da "Maruxaina". En Burela, amosarán a cultura das xentes que viñeron a vivir aquí dende Cabo Verde, a través da historia de Fátima Brassao, e veremos como viven perfectamente a realidade das dúas culturas, a súa propia e galega.

Coñecendo a historia de Moncho, que é un mariñeiro retirado, e Amelia, que traballa no Museo do Mar, pode dicirse que o mar é o seu fogar. Son dúas persoas que teñen as súas historias persoais na historia do mar de San Cibrao, e por iso aman a cultura mariñeira e esfórzanse por transmitila. Con eles veremos como a cultura mariñeira é unha cultura viva.

A Televisión de Galicia emite hoxe, a partir das oito da tarde este programa que ofrece un percorrido polas ribeiras de Galicia, para contar a vida das xentes que viven e traballan nas vilas mariñeiras, nos portos e peiraos, no espazo que popularmente se coñece como a ribeira.

Trátase dunha produción encargada por TVG a Producións Celta, empresa de produción audiovisual que pertence conxuntamente aos xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña.