"Quixen crear a ficción de 'oír' a Shakespeare cantar en galego"

24.04.2014 | 01:31

-De onde lle vén a paixón pola obra do dramaturgo inglés e o motivo para traducir os seus Sonetos ao galego?

-Da curiosidade e da avidez lectora. - o motivo que me impulsou a traducir os Sonetos de Shakespeare foi semellante. Cando os lía en castelán non entendía como aqueles xeroglíficos podían gozar de tanta fama; así que me propuxen resolver unha dúbida: ou ben eu non era tan bo lector ou ben as traducións non eran "idóneas". Para preservar a miña autoestima resultábame máis cómodo crer nisto último. Por iso, quixen verter ao galego os Shakespeare´s Sonnets: para "entender" ao bardo de Stratford e crear a ficción de "oír" a súa voz cantando en galego.

-A figura literaria de Shakespeare segue vixente e actual. Cales serían, segundo a súa óptica, as claves desa atemporalidade?

-Harold Bloom, sumo sacerdote da bardolatría, ten un libro que pretende explicar a clave desa atemporalidade: Shakespeare: La invención de lo humano. Creo que é un tanto esaxerado; tal vez a devandita invención lle corresponda ao Gran Código, como designa Northrop Frye á Biblia. Non obstante, Shakespeare si profundizou nos sangumiños do carácter humano, deixando nos motivos e trazos dos seus personaxes numerosas incógnitas que, paradoxalmente, enriquecen a percepción das eivas e virtudes da humanidade. Isto último débese á ambigüidade artística, que el alimentou con sabedoría.

-Segundo unha enquisa internacional, William Shakespeare é a "icona cultural máis importante" do Reino Unido, catrocentos cincuenta anos despois do seu nacemento. É o dramaturgo mellor ponderado pola historia?

-Sen dúbida, ademais é o dramaturgo máis lido, circunstancia esta última excepcional, se pensamos que todas as súas obras, agás as líricas, estaban destinadas á representación dramática, non á lectura. Pero hoxe lese a Shakespeare tanto ou máis do que se representa.

-Dada a complexidade e a vasta produción literaria do autor, podería escoller unha obra?

-Para min teñen singular engado Xulio César e Ricardo III, aínda que non sexan as máis consideradas.

-Entre Hamlet, Macbeth ou Romeo e Xulieta, con cal se queda?

-Das tres, Hamlet é a que ten unha maior variedade de motivos e unha maior riqueza lingüística e conceptual, aínda que talvez Macbeth posúa máis forza dramática.

-Pode referir algunha anécdota xurdida nos traballos de tradución dos Sonetos ao galego?

-A miña filla deixou de falarme. A diferenza de min, que traducín a Shakespeare para emular a Borges, quen dicía que traducira a Hölderlin para aprender alemán, ela domina o inglés á perfección, e así as peticións que eu lle facía para que me dese a súa opinión sobre esta ou aquela variante non acababan nunca. A miña obsesión semellaba propia dun deses personaxes de Woody Allen. Como aínda sigo dándolle voltas a novas solución, ás veces a cousa ponse un pouco tensa (sorrí).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

 
Enlaces recomendados: Premios Cine