A Televisión de Galicia emite mañá ás 16.20 horas "Ribeiras", o percorrido polas costas de Galicia para contar a vida das xentes que viven e traballan nas vilas mariñeiras, nos portos e peiraos.

Trátase dunha produción encargada por TVG a Producións Celta -empresa de produción audiovisual que pertence conxuntamente aos xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, do grupo Editorial Prensa Ibérica- dirixido e presentado por X. H. Rivadulla Corcón.

No sexto capítulo, "A filosofía da ribeira", imos coñecer a filosofía do vivir nas ribeiras galegas da man de Rosa Couto de Mugardos, unha muller mariscadora que afronta a vida e o traballo con positivismo, e de Manolo Triñanes do Grove, que traballando como mecánico nunha conserveira, atopa tempo para dedicarllo a súa paixón, as embarcacións tradicionais.

En Mugardos vive Rosa Couto unha muller vital que traballa na extracción da ameixa na vila que fai anos a acolleu. Rosa, caracterízase por ser unha mariscadora optimista, sempre con pensamento positivo, que traballa o mar sustentando a conciencia mariñeira da vila, rodeada de mariscadoras coma Teresa Carnero, a patroa maior, e Rosa Tizón, vicepatroa, coas que comparte algo máis que as praias que traballan, compartindo vida, creando vínculos de amizade que fai das mariscadoras de Mugardos a súa familia mariña.

Coa axuda do vento mareiro, no Grove, Manolo, amosaranos tamén a filosofía da convivencia do pasado e presente para asegurar un futuro mellor da memoria do mar a través do coidado e recuperación das embarcacións tradicionais dende a "Asociación Dorna Meca" que preside.

Manolo, que nos ensinará o seu traballo como mecánico de mantemento nunha fábrica conserveira, non deixará en ningún momento dúbida do que realmente o apaixona: o mar e o navegar, e boa fé delo darán as súas irmáns Lourdes e Mariló Triñanes coas que comparte traballo e confidencias do seu soño de navegar. Manolo sabe que do mesmo xeito que vive nunha vila moi mariñeira, o lugar dos barcos, é o que lle corresponde, o mar, e o seu destino, navegar.