A Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), presentaron onte #enGalegoLeo, unha iniciativa a través das redes sociais que pretende ser un "punto de encontro" dos lectores en galego e un lugar onde fomentar a lectura nesta lingua a través das novas tecnoloxías.

Segundo explicou o director de Comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, a iniciativa, activa dende este mércores, consiste nunha páxina web habilitada dentro do 'site' da propia CRTVG no que os usuarios poderán compartir as súas opinións, vídeos e fotos en relación coa literatura galega.

A través de Twitter, os usuarios que o desexen poderán recomendar un libro en galego e dar as razóns polas que apostan por ler neste idioma co hashtag #enGalegoLeo, así como compartir "a súa experiencia literaria".

Todo o material recompilado desta forma se incluirá na sección habilitada na web da CRTVG, que admitirá tamén a publicación de vídeos a través de Youtube e fotografías vía Instagram.

"Punto de encontro"

"Queremos que esta sección sexa un punto de encontro arredor dos nosos libros", explicou Fernando Ojea,que reiterou o "compromiso" da CRTVG, como medio público, tanto coa cultura en xeral de Galicia como coa súa literatura en particular.

A secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas, confiou en que esta iniciativa teña un "efecto expansivo" en todo o sistema literario galego a través do potencial das redes sociais para fomentar a lectura neste idioma e asegurou que o obxectivo é que #enGalegoLeo se convirta en "trending topic".

Pola súa banda, Francisco Castro, presidente de Gálix, eloxiou esta iniciativa "de modernidade" que servirá para "poñer en valor un dos patrimonios máis importantes" da cultura galega. Ao mesmo tempo, confiou en que axude á "visibilizacion" da literatura galega coincidindo, o Día do Libro, o 23 de abril.