Morris cruza mentalmente os dedos. Ten unha corazoada con A esmorga. "Teño esperanzas de que sexa unha gran película. Espero que destile augardente coma na rodaxe", apunta un actor para quen dar vida ó Milhomes non foi doado. "O meu personaxe -explica- ten diferentes aristas. É homosexual, traéndose uns xogos co Bocas... Para min, non era fácil interpretalo porque nas anotacións de Blanco Amor advirte de que non se represente afeminado".

Outra dificultade foi representar a un personaxe alcoholizado todo o filme sen caer na tópica actuación dun bébedo. "Os tres viven unha situación continua de alcoholismo pero non podiamos facer toda a película de borrachos. Tivemos que analizar cada momento e ver en que nivel estabamos se levabamos tantas cuncas ou botellas. Iso é moi sacrificado, convertirse nun esmorgante profesional", sinala Morris. Este "preocupouse" cando foi face-lo casting para o papel ante o temor de leva-lo Milhomes ó cine; e que "doblemente" estivo "preocupado" cando o acadou por "medo" a non poder soporta-la rodaxe no inverno e con dores de costas.