Ten os visos de se-la película galega do ano polo elenco principal (Miguel de Lira, o percebeiro de Mareas Vivas; Morris; e Karra Elejalde, o da despedida de solteiro de Airbag e o pai da noiva en Ocho apellidos vascos); polo director, Ignacio Vilar, o mesmo que asinou Pradolongo e Vilamor; e pola novela da que parte e da que toma o nome, A esmorga, de Eduardo Blanco Amor. A historia dos tres amigos que "botan uns vasos" e acaban pasándose da raia ata un desenlace tráxico convenceu á TVG e TVE que xa adquiriron os dereitos. Se os cálculos botados polo equipo se cumpren, no último trimestre deste ano, o filme botará a andar polas salas cinematográficas tras un proceso de postprodución inda por rematar e unha rodaxe acabada hai pouco máis dunha semana e que, segundo actores e realizador, resultou "dura".

Esa dificultade veu dada polo tempo meteorolóxico e polo desgaste mental á hora de interpretar a personaxes de profundos matices psicolóxicos. "Foi unha rodaxe moi dura", explica o director, Ignacio Vilar, quen tardou tres meses en facer probas e elixi-los protagonistas tendo en conta que "levar esta novela ó cinema é unha responsabilidade impresionante".

Engade o director que "era importante crea-la atmósfera da novela e conseguímola, marcada polo frío, a xeada e a chuvia, sendo esta última un personaxe máis que interfire nos protagonistas".

Xa o dicía o Castizo ante o xuíz no libro: "A chuvia tivo moita da culpa". "Os actores, na rodaxe, pasaban entre catro e cinco horas diarias mollados pola choiva que caía pero tamén pola artificial que lle lanzabamos nós que era máis fría cá normal", apunta Vilar.

Non obstante, para Morris, o difícil foi a introspección psicolóxica no seu personaxe. Para que Morris preparase ó seu Milhomes; Miguel de Lira fixese o mesmo co seu Cibrán ou Castizo; e Karra Elejalde profundizase na mente do seu Bocas, Vilar pechouse cos tres na Residencia de Tempo Libre do Carballiño durante quince días.

"A preparación psicolóxica dos actores foi moi intensa. Traballamos catorce horas diarias o guion para darlle vida ós personaxes. Agora, vexo o resultado na premontaxe que fixemos de 106 minutos e vexo que é una grande historia", confesa Ignacio Vilar.

Outra dificultade veu polo galego co acento ourensán que tiveron que aprende-los tres con axuda dun lingüista, cun esforzo especial por parte do vasco Karra Elejalde que aprendeu galego.

Pero non todo foron pedras que se saltaron, tamén houbo alianzas coa boa sorte durante as dez semanas de rodaxe como atopa-la práctica totalidade dos espazos da ruta dos personaxes por Auria -Ourense- practicamente iguais. Para borra-las pegadas da modernidade, como os cables no casco vello, o equipo artístico tapounos con cartón pedra, buscou coches de época e acondicionou as tendas como eran a finais dos cincuenta. Como engadido, Vilar atopou a Papuxa de Ribadavia, unha taberna co chan de terra e o look da taberna da Tía Esquilacha da novela.