En "Nas tardes escuras" (El Patio Editorial), Narf, un dos creadores máis interesantes do panorama musical galego, achégase á obra poética de Rosalía de Castro da man do rock and roll aínda que como el mesmo recoñece, sen sobrecargar as cancións cion demasiados instrumentos. Nesta entrevista, o cantautor compostelán fálanos deste traballo e doutros proxectos nos que tamén participa.

- Como xurdiu a posibilidade de facer este traballo?

-A editora levaba dous anos publicando libros de Rosalía; dentro desa colección, pensaron pór unha guinda cun libro-disco e fixéronme a encomenda. Querían que as pezas soasen nunha liña rockeira, e eu compuxen un tema para ver se falabamos do mesmo. Cando me deron a aprobación, traballei con total liberdade.

-Tivo moi claro ese enfoque estilístico co que ía afrontar os versos rosalianos?

-Apetecíame facer algo nesa liña, e os poemas que escollín acáenlle perfectamente á linguaxe eléctrica e enérxica que tiña na cabeza. Foron escritos con coraxe e valentía, e son sintéticos, crus e aportan sinceridade e profundidade da alma. Aplicamos todos eses conceptos ao son do trío. Enfronteime á súa obra non como algo sagrado, senón que pretendía vela como unha muller coa que podería estar nun bar falando agradablemente de moitas cousas, e ao final foime doado facer as pezas.

-Era unha achega necesaria, nun proceso de normalización cultural, que alguén decidise interpretar a obra de Rosalía en clave de rock ´n´ roll?

-Non sei se catalogala como necesaria, mais considero normal que aconteza algo así. A obra universal de Rosalía é un patrimonio dos galegos e resulta lóxico que, segundo vaia pasando o tempo, as novas xeracións vaian interpretala con estilos musicais diferentes. Creo que os textos e mais o son encaixan perfectamente.

-Non quixo Vde. sobrecargar as cancións con demasiados instrumentos...

-Queriamos facer un traballo cru e cunha formación de trío coa que puidésemos reproducir fielmente o álbum nos directos. Non pensamos en engadir máis instrumentos.

-Case todos os textos proveñen de Follas Novas, só hai un pertencente a Cantares Gallegos. A que foi debida esa elección?

-Non foi premeditado. Púxenme a ler Follas Novas e atopei textos sintéticos con forma libre na métrica que encaixaban moi ben co que eu tiña en mente, e as ideas saíronme de xeito fluído. Son textos que afondan dentro do espírito e da alma. Aínda que non me identifico ao 100% con eles, penso que esas palabras de Rosalía poden atinxir a calquera.

-Que representa este disco na súa carreira? É unha obra un chisco especial ou convive perfectamente co feito anteriormente?

-Malia que comezou sendo unha encarga, converteuse nun álbum moi persoal. Non é un traballo puntual e son pezas que van formar parte do meu repertorio durante anos, así que a obra pode considerarse como un disco máis na miña andaina.

-O proxecto de Aló Irmao está parado. Haberá posibilidade de retomalo?

-Falamos dunha alianza entre dúas persoas que xa tiveron moitas aventuras polo mundo adiante. O que acontece é que temos outros proxectos e Manecas aínda está a preparar a saída un disco novo. Cando estou en Lisboa, sempre nos vemos e ata tocamos algo. O noso contacto é permanente e resulta moi posible que voltemos atoparnos para facer algo novo con Aló Irmao.

-Ese proxecto deuno a coñecer máis na propia Galicia?

-Probablemente. Tocar cunha figura de primeira liña como Manecas Costa, permite ter maior visibilidade. Ampliou o tipo de público que me seguía ao entrar o traballo dentro das chamadas world music. Abriunos portas en circuítos musicais nos que eu non tocaba. O meu estilo é difícil de clasificar, posto que eu xa actuei antes de Silvio Rodríguez, en versión acústica, e Siniestro Total, con formato eléctrico.

-Como van os proxectos que ten en Mozambique cos Timbala Muzimba?

-Estiven durante un par de meses polo país e fixemos algunhas pezas, pero aínda precisamos de máis tempo para rematar o proxecto. Cando teña ocasión, irei para alí a continuarmos o traballo. Nos últimos quince anos participei en diferentes festivais e hai como unha década que decidimos elaborar algo xuntos.

-Como ve Vde. o panorama actual en relación a cando comezou a súa carreira musical?

-No sentido das posibilidades e os medios, semella que voltamos á época na que eu comezaba. Daquela fixemos unha discográfica e montamos a sala NASA porque non existían lugares onde tocar. Agora vemos que moitos músicos deben autoproducirse e deben implicarse en cousas que non é unicamente facer cancións. Creo que estamos preparados para asumir esas novas obrigas profesionais. Vexo unha diferenza grande nas propostas musicais porque considero que actualmente posuímos unha riqueza artística que antano non tiñamos.

-Que lle aportan musicalmente as súas cancións para teatro e audiovisual?

-É un labor que fun desenvolvendo ao longo do tempo, sobre todo coa compañía portuguesa Trigo Limpo. É un xeito de procurar novas formas de expresarse, posto que debes adaptarte á creación doutros artistas, e ao final creo que eses proxectos axudan e inspiran para realizar cousas diferentes.