O debuxante coruñés Miguelanzo Prado foi nomeado onte gañador do Premio Nacional de Cómic pola súa obra Ardalén, que é un percorrido polas lembranzas do autor, pero tamén unha mestura de realidade e soño.O xurado destacou da obra o seu "carácter poético" e a súa "mestría técnica" na utilización das cores.

"Pouco teño que contar. O libro editouse no ano 2012, editouse en galego e castelán e levou o premio no salón do cómic de Barcelona, estaba tendo boas críticas así que, ao principio, si que pensaba que estaría entre os candidatos a levar o premio, non porque o fixese eu, senón pola acollida, pero, a verdade é que, nestes quince días, estiven un pouco desconectado e, cando escoitei que deran o de Narrativa e o de Poesía, pensei que o de Cómic xa o fallaran tamén.Levei moita sorpresa cando mo comunicaron hoxe (por onte), porque pensaba que xa estaba dado", explica, con naturalidade Miguelanxo Prado.

Sabe que, logo de trinta anos debuxando, o premio non lle vai cambiar a vida, aínda que teña unha remuneración económica de 20.000 euros, porén, coida que si que pode achegar a súa obra a lectores que, de non ter gañado, nin sequera a collerían entre as súas mans.

"Hai moita xente con boa formación cultural que descubre agora que hai un medio, o cómic, que caracteriza a produción cultural do século XX. Hai moita xente ignorante desa realidade", comentou onte Prado, facendo un alto na viaxe que o ten fóra da cidade. A todo ese público que non sabía das cousas que se están a facer no mundo da banda deseñada, a todos os que crían aínda que o dos cómics non evoluíra máis alá de "Tintín, Mortadelo e Astérix" é ao que quere Prado que chegue Ardalén co empurrón deste premio, que non é que honre a súa andaina como autor, senón que xulga este seu traballo do ano pasado.

"É un tranquilizante moi eficaz que che fai sentir que o tempo e as enerxías dedicadas pagaron a pena", declarou onte Prado, que investíu máis de tres anos na realización desta obra que está chamada a ir rompendo, pouco a pouco, "ideas prexuiciosas" do público.

Non cre Prado que a súa obra se vaia exportar máis a causa deste premio, pero considera que, o que si que fará será chegar "a moitos lectores ocasionais de cómic, que non son fanáticos, que non tiveron a oportunidade de coñecelo anteriormente", comenta. Lamenta que esta idade de ouro do cómic español coincidira coa crise económica, algo que ralentiza o proceso de expansión do cómic e que fai máis difícil o acceso de novos talentos á industria. "Corremos no risco de que xente magnífica remate tirando a toalla, aínda que espero que iso non aconteza", alertou.

Miguelanxo Prado únese, con este galardón a outros galegos que foron premiados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes este ano nos certames culturais estatais. Trátase de Manuel Álvarez Torneiro quen recibiu o Premio Nacional de Poesía e José María Merino, que se fixo co Premio Nacional de Narrativa.