A Televisión de Galicia volve unha semana máis co programa "Fóra da Casa" (hoxe, 15.30 horas) un espazo sobre a realidade dunha familia en que un dos membros ten que traballar fóra do fogar e coa que os espectadores poderán comprobar de primeira man as dificultades para compaxinar a vida laboral coa familiar.

No programa desta tarde, os espectadores coñecerán as familias Marque Carballo e Ríos Pérez, que teñen en común que o deporte é unha parte moi importante das súas vidas, unha profesión que fai que un dos cónxuxes teña que pasar moito tempo afastado/a da súa familia.

Álex Marque é ciclista profesional e corre nun equipo portugués que ten a súa sede na localidade de Tavira, no Algarve. A súa muller, Vanessa, é farmacéutica e traballa en Cuntis, a dez minutos da Estrada, onde reside o matrimonio. Quédalle un mes para dar a luz e o seu principal temor é poñerse de parto cando Álex estea fóra, xa que quere vivir un momento tan importante con el.

Alex ten que ir a unha sesión co masaxista, e este nos fala das características de Alex como ciclista, que pode chegar a ser un gran ciclista porque ten condición. Despois no hotel Alex telefonea a Vanessa, que lle conta como foi a visita á matrona.

Noelia Pérez vive en Pontevedra co seu home, Jacobo, e o pequeno Mario. É profesora de taekwondo e seleccionadora da Federación Galega, un traballo que a obriga a pasar moito tempo fóra da casa. Cando Noelia viaxa, a Jacobo, que traballa nunha empresa de repostos para o automóbil de Vigo, ademais de atender o neno en solitario, tócalle suplir a Noelia nas clases de taekwondo que dá en Moaña. Jacobo cóntanos que o neno nota moito a ausencia da nai, e as veces colle o teléfono e ponse a chamala.