Un total de 41 orixinais compiten neste ano ao XXX Premio Xerais de Novela e 39 farano ao Premio Merlín de Literatura Infantil, informou onte a editorial. Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se realizará no venres 31 de maio. Os premios serán decididos no sábado 8 de xuño na illa de San Simón.

O xurado da XXX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros está formado por: Cristina Domínguez (xornalista), Elisa Iglesias (licenciada en Tradución e Interpretación), Ramón Rozas (xornalista), Iago Martínez (xornalista), Raquel Feijoo Casas (xornalista) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación da Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da XXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil está dotado con 10.000 euros e integrarano Rocío Carballeda (profesora), Mar García (licenciada en Filoloxía Hispánica e bibliotecaria), Isabel Mociño (doutora en Filoloxía Galega e profesora na Universidade de Vigo), Montse Pena (licenciada en Filoloxía Galega, profesora da USC e crítica literaria), Antonio Seijas (ilustrador e deseñador) e Helena Pérez (secretaria do xurado), en representación da Xerais, con voz e sen voto.