No ano que andamos, van ser moitos os traballos que se publiquen a respecto de Roberto Vidal BolañoRoberto Vidal Bolaño, sendo Positivas a editorial responsable da edición da súa obra completa, nunha xeira de volumes que chegará ás librerías nestes meses. Na xeira de estudos, edicións e homenaxes, non só debemos considerar o feito de ser o autor elixido pola Academia para a celebración do Día das Letras Galegas, senón a transcendencia que Roberto Vidal Bolaño vai ter no desenvolvemento do sistema teatral galego e no campo da literatura dramática.

En efecto, Roberto Vidal Bolaño desenvolve a súa traxectoria artística ao longo de anos fundamentais na reconfiguración do sistema teatral, militando activamente nun teatro independente con trazos autóctonos, entre os que destacaban a defensa da lingua galega como ferramenta vehicular da creación literaria, escénica e cultural, ou a recuperación dunha longa tradición dramática presente en festas e celebracións, que tamén abrolla con forza nun xénero como a farsa, do que tanto partido soubo tirar Ramón María del Valle- Inclán, e igualmente Vidal Bolaño que sempre manifestou a súa débeda co autor das Comedias Bárbaras, inventor do esperpento.

Cómpre non esquecer tampouco o aprecio que Roberto Vidal sentía por Ramón Otero Pedrayo, autor dese texto magnífico, Rosalía, onde intúe algunhas das correntes actuais na creación dramática máis contemporánea. Por iso a pegada deles dous vaise deixar sentir tanto na súa obra. Desa traxectoria vital,longa, diversa e ben produtiva, dá conta Camilo Franco na primeira parte deste volume que hoxe presentamos, editado por Biblos co título de Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño,e que recolle os aspectos máis substantivos dunha longa peripecia teatral marcada polo desempeño dos máis diversos oficios escénicos, desde a dirección de escena ata o deseño de escenografías.

Abonda para ofrecer unha mirada esencial que explique e axude a entender todo o que vén despois. E despois chega, nunha segunda parte, un feixe de comentarios sobre as que Camilo Franco considera pezas fundamentais do autor, partido de Bailadela da morte ditosa e rematando con Animaliños. Polomedio, asoman os textos máis fundamentais da segunda xeira creativa do autor,desde Días sen gloria até Rastros, onde atopamos diferentes rexistros estilísticos, e nas que Roberto Vidal Bolaño segue a manter aquela visión irónica, aceda, e tantas veces sarcástica, da realidade, tan propia da farsa,que xa abrollaba con forza nun dos seus textos primeiros, Laudamuco señor de ningures.

O libro de Camilo Franco constitúe un exemplo preciso dunha maneira de facer crítica literaria máis abeirada aos discursos do xornalismo cultural que aos que lle son propios aos estudos culturais, literarios ou artísticos, que tamén haberán de chegar ao longo deste ano.É unha maneira complementaria e necesaria de mirar a realidade literaria pois supón utilizar outras lentes e outras perspectivas. Non esquece Camilo, como crítico de teatro con anos de oficio, dar noticia dos espectáculos creados a partir dos textos comentados.

Ofrécese en todos os casos unha breve introdución ao texto, un análise do seu argumento e dos seus personaxes e remata a lectura con consideracións arredor do espectáculo que un día foi. Consegue finalmente, partindo do campo literario, ofrecer unha visión suficiente e moi atinada dos moitos ámbitos creativos nos que Roberto Vidal Bolaño se mergullou coa afouteza e a paixón coas que viviu os seus anos todos. Por iso mesmo, cómpre ter boa conta do complexo de Midas, tan común nestas terras.

Polivalencias

As xentes que ergueron o edificio teatral galego, ese mesmo que agora corre o risco de ser derrubado para sempre, tiveron que acostumarse a facer de todo desde o seu primeiro día no oficio, e nese todo non só hai que situar os traballos artísticos propios da creación artística (dirección, iluminación, interpretación, deseño...), pois tamén tiveron que atender outras moitas actividades vinculadas coa tecnoloxía teatral, a administración de empresas ou a xestión de recursos materiais e humanos.

Pois unha compañía de teatro, é, antes que calquera outra cousa, unha empresa. Como tantas outras persoas ( Ernesto Chao, Luma Gómez, Laura Ponte, Rosa Álvarez, Xulio Lago), Roberto Vidal tivo que facer de todo, pero entre os oficios teatrais hai algún no que destacou de maneira non sempre suficientemente recoñecida. Refírome, por exemplo, aos seus traballos como actor, dos que paga a pena agora lembrar aquel magnífico "fogueteiro" que encarnaba en Bailadela da morte ditosa,con dirección de Eduardo Alonso, ou aquel seareiro que interpretaba con notable acerto na adaptación que el mesmo fixera dun texto de Maxi Rodríguez, Oé!, Oé!, Oé!

Cómpre non perder de vista estas perspectivas complementarias, máis escénicas, para podermos construír, ao longo deste ano de gloria para a creación dramática, unha visión poliédrica dunha traxectoria rica e complexa, e sempre nunha perspectiva crítica, tan necesaria.