O xogo do teatro

16.05.2013 | 19:51
Debuxo de Vidal Bolaño co nariz de paiaso.
Debuxo de Vidal Bolaño co nariz de paiaso.

Cóntase na contracapa deste interesante libro que presentamos, que a dramaturxia crea o manual de instrucións para o xogo do teatro, ao mellor seguindo aquela diferenza que Gotthold Lessing establecera entre o dramatiker, creador de textos con palabras que chamamos literatura, e o dramaturg, ou compoñedor de textos. O primeiro, entre nós dramaturgo, escribe textos, mentres que o segundo, para nós dramaturxista, realiza todas as operacións necesarias para que o texto poida servir de pretexto a un espectáculo teatral.

Roberto Vidal Bolaño foi tanto dramatiker, e nestas datas chega a súa obra literaria completa ás librerías, como dramaturg, e desta segunda tarefa podemos lembrar adaptacións que fixo de textos de Bertolt Brecht, Maxi Rodríguez ou Ramón Otero Pedrayo, entre elas a de Rosalía. O teatro de Roberto Vidal Bolaño é outra cousa, pois nesa obra escénica hai que conxuntar o seu labor como actor, director de escena, escenógrafo, ou empresario, pois moito de todo, e non pouco, tivo que facer para axudar a soerguer este teatro noso hoxe tan ameazado.

O libro é pois unha análise da literatura dramática de Roberto Vidal Bolaño, malia que o seu título, Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, puidese indicar cousa diferente, pois cando vinculamos palabras tan dinámicas como teatro e xogo podemos camiñar en direccións propias daqueles xogos teatrais que tan ben souberon construír tantos e tantas especialistas en educación teatral. Unha análise que, ademais de substantiva, anuncia unha vontade educativa inequívoca pois o profesor Becerra dialoga co seu lector a partir de preguntas abertas que perseguen afondar na interpretación dos textos do noso dramaturgo.

A ficción literaria é un xogo, como nos mostrara Gianni Rodari na súa Gramática da fantasía, ou como deixaron escrito autores tan amantes de enredar coas palabras coma Julio Cortázar. E para que ese xogo poida ser, o literato bota man dunha manchea de recursos, que o profesor Heinrich Lausberg inventariou nun volume magnífico Elementos de Retórica Literaria, e que forman parte do patrimonio literario universal e agroman xa en textos coma o Poema de Gilgamesh ou o Mahabharata. Xogos que deveñen figuras literarias e se vinculan a un conxunto de formas, técnicas e intencións que abrollan nunha materia dramática que, no caso de Vidal Bolaño, ten unha precisa compoñente contextual, pois a súa obra toda non deixa de ser unha radiografía dos tempos convulsos que lle tocou vivir, e por iso en todas as pezas súas asoman situacións, personaxes e conflitos que nos falan de nós, dos galegos e galegas do común, desas persoas para as que, como dixera nalgunha ocasión, non hai traxedias, senón desgrazas.

Consta o volume de cinco capítulos nos que o autor nos propón analizar a obra de Vidal Bolaño a través dalgúns dos xogos presentes na súa obra: de intriga, co tempo, ideolóxicos, de cine e teatro, e, finalmente, de amor e morte. En cada un dos capítulos o autor vai propoñendo conceptos sobre os que se asenta a carpintería dramática ou determinados tópicos literarios, coa finalidade de comentar, pero tamén interrogar, a obra do autor a partir de fragmentos escollidos. Cumpre así o autor coa súa intención e o libro co seu cometido: ofrecer unha magnífica guía de lectura da obra de Vidal Bolaño a través daqueles trazos formais ou dos contidos que máis e mellor a caracterizan. Moi recomendable pois para os centros do ensino secundario.

BECERRA DE BECERREÁ, Afonso, Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, Ed.Laiovento, Santiago, 2012, 17 €

É este un símbolo no que se ve reflectida a profesión teatral toda, unha metáfora que nos fala tamén dos tempos que foron mellores pero igualmente daqueles que xamais se deberán esquecer por tantas cousas, malia que sexan tan duros de vivir. O nariz serve para determinar un rol que sitúa a quen o pon nun espazo de transición, nese espazo no que pode utilizar á vontade aquel máxico "se" co que se constrúen os soños, as hipóteses, a ciencia, e, na fin, o teatro, que dirá Peter Brook. Co nariz todo é posible, mesmo a verdade.

Roberto Vidal Bolaño utilizou o nariz do pallaso hai xa moitos anos, no espectáculo Caprice de Dieux, de 1985, quizais unha das propostas escénicas máis acedas e corrosivas que se teñan feito en Galicia, unha crítica frontal á política teatral feita en Galicia nun tempo en que, coma hoxe mesmo, facer teatro era unha aventura incerta. O capítulo último do libro, está dedicado a ese nariz vermello que cada quen pode utilizar segundo desexe, e que tantas veces permite arrepoñerse para dicir aquilo que de verdade se pensa. Velaí a invitación última deste libro: defender con dignidade, coraxe, e cun aquel de humor, as ideas nas cada quen crea, pois a razón deriva de argumentos non dos usos do poder.

Sociedad y Cultura

Johnny Depp, Charlie Sheen y Kevin Dillon
Depp, Sheen y Dillon celebran el 30 aniversario de ´Platoon´

Depp, Sheen y Dillon celebran el 30 aniversario de ´Platoon´

Los protagonistas de la cinta de Oliver Stone se reúnen en una fiesta que comparten en Instagram

Casi 250 personas han muerto ahogadas este año

El 81% de las víctimas han sido hombres - En lo que llevamos de julio ya han fallecido 36 personas

Descubre las cinco mejores heroínas del cine de acción

Descubre las cinco mejores heroínas del cine de acción

'Wonder Woman' es la primera en superar la barrera de los 100 millones en su estreno en EEUU

 
Enlaces recomendados: Premios Cine