Co gallo do Día das Letras Galegas percorre os teatros máis importantes do país o espectáculo Días sen gloria, producido polo Centro Dramático GalegoDías sen gloria, con dirección de Fefa Noia. Con el, a nosa compañía nacional de teatro quere agasallar ao autor co que a Academia Galega da Lingua, neste ano de 2013, está a celebrar as nosas letras galegas. É esta unha iniciativa máis do Centro na recuperación da figura e da traxectoria dun creador fundamental na nosa literatura, do noso teatro, para a cultura nosa. Foi tamén no CDG, grazas á vontade amiga de Manuel Guede Oliva, onde Roberto realizaría parte dos seus últimos traballos como autor e director: Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999), A burla do galo (2000), Mar revolto (2000), Rosalía (2001).

Días sen gloria recibiu no seu día, 1992, o Premio Rafael Dieste para textos dramáticos que convoca a Deputación de A Coruña, na súa segunda edición. Un premio que volvería obter en 1997con outro texto magnífico, o titulado Doentesque hai ben pouco puidemos ver na súa versión cinematográfica cunha interpretación sobresaliente de Antonio Durán "Morris" e Xosé Manuel Olveira "Pico", e con dirección de Gustavo Balza.

En ambos os dous casos, Roberto Vidal Bolaño bota man de dous dos seus dramaturgos máis queridos. No segundo, con Doentes, Roberto rende homenaxe ao seu querido Ramón María del Valle-Inclán, ao crear unha trama que vai decorrendo polas rúas de Compostela segundo vai transcorrendo a peripecia de Don Valeriano e Cañete, dous derrotados que, con todo, dan en pasear a súa dignidade ferida entre as sombras de pedra. Co primeiro, Días sen gloria, Vidal Bolaño, sen esquecer a Valle, parece recuperar o vivo camiñar co que Ramón Otero Pedrayo imaxina a ledicia vital dos trouleiros que habitan aquel texto igualmente excelente titulado Os desenganos do prioiro (1952) polo que sentía especial cariño Roberto e que en boa medida anticipa a idea central do que vai ser A esmorga de Eduardo Blanco Amor. E non esquecemos a James Joyce, certamente.

Coma Ramón María del Valle-Inclán en Luces de Bohemia, Roberto Vidal Bolaño sempre mostrou especial atención ás miserias de todos os días, a esas pequenas desgrazas que non abondan para crear unha traxedia, nin tan sequera para artellar un drama, pois os seus personaxes son sempre xentes do común, como o eran na magnífica Bailadela da morte ditosa. En boa medida unha boa parte da obra dramática de Roberto abéirase a un xénero dramático que quizais, seguindo a súa propia proposta, teriamos que denominar "desgraza", pois en efecto para as xentes do común son as desgrazas, como todas as que hoxe padecemos.

Días sen gloria podería cualificarse como unha "desgraza" do camiño, pois é no camiño a Santiago, desde Ostabat, Francia, onde transcorre a peripecia de dous peregrinos que camiñan a Compostela por motivos ben diferentes. O home, xa vellote, leva no carro un fardo que ben puidera ser o corpo da súa muller morta, coa esperanza de que o Apóstolo lle devolva a vida. A muller, aínda nova, procura a vinganza por unha promesa incumprida na vida dun cabaleiro arrogante e destemido.

E polo camiño van aparecendo os personaxes habituais dun mundo que na altura desta historia xa perdera a súa gloria e deixara de ser aquela estrada aberta pola que bulía un mundo novo. E así, toda esa xentiña que vai aparecendo ante os ollos dos nosos dous peregrinos dá conta tamén daqueles tempos escuros de pouquidade e miseria, que, na nosa historia, foron días e anos de máis. Séculos cincentos de desgrazas e derrotas, que seguen con nós.

Días sen gloria, foi presentado en escena no ano de 1993, con dirección de Quico Cadaval, e tendo como intérpretes destacados a María Pujalte, a Carlos Blanco, e ao propio Roberto Vidal Bolaño, que sempre mostrou unha vontade escénica inequívoca, tamén para compoñer escenografías co pseudónimo de Julia Brens. O espectáculo recibiu o Premio Compostela ao mellor texto dramático en 1994, e un ano antes sería finalista no Premio Nacional de Literatura na categoría de textos dramáticos.

Para esta ocasión a dirección do Centro Dramático Galego escolleu como directora a María Xosé Noia Ansede, Fefa Noia pois, quen iniciara a súa carreira como actriz co grupo Minerva de Santiago, con Roberto Leal, para logo continuala con Teatro Galileo, ou Matarile Teatro. Despois dunha estadía de estudos en Alemaña, onde completa a súa formación, volve a Madrid, para traballar en Teatro de la Abadía, cabo de José Luís Gómez, unha das figuras máis destacadas do teatro español actual. En moi poucos días o espectáculo estará con nós, polo sur de Galicia, para falarnos de todos nós. Non deixen de velo, aínda que proa.