A Televisión de Galicia ofrecerá esta tarde (15.30 horas) unha nova edición de "Fóra da Casa", un espazo sobre a realidade da familia a partir de situacións en que un dos membros ten que traballar lonxe do fogar.

Os espectadores coñecerán esta semana a familia Alvarellos Sánchez, que reside na pequena aldea de Quintáns, no concello de Muxía, unha aldea de dimensións similares á de Paraños, no concello de Covelo, onde vive a familia Alonso Rodríguez. Desde estes pequenos, pero singulares, lugares teñen que viaxar con moita frecuencia os pais de ambas as dúas familias.

No caso de Fedani Alvarellos, traballa como electricista para unha empresa que se dedica á cría de rodaballos. O seu posto está en Camariñas, pero habitualmente viaxa a outras factorías para realizar traballos de mantemento. A súa muller, Barca, séntese moitas veces soa, sobre todo cando algún dos seus dous fillos enferma ou se atopa con algún outro problema para o que o necesitaría a el.

Pola súa parte, Carlos Alonso leva 29 anos traballando de camioneiro e pasa toda a semana facendo a ruta entre Vigo e Madrid. A súa muller, Lola, que desenvolve o seu labor profesional nunha empresa cárnica, tivo que encargarse practicamente soa de educar os fillos, que agora xa son maiores e traballan tamén na empresa do pai.

A Lola xa lle deu a hora de saír do traballo, e xa na casa recibe a visita da súa filla Sonia e o seu marido, que lle traen aos netos, Hugo e Lara de tres anos os dous, xa que son mellizos. Carlos xa está na ruta. Cóntanos que xa leva vinte e nove anos de transportista, e o que peor leva de estar fóra son as comidas. Na casa Lola e Sonia lembran cando naceu a filla máis pequena Andrea, e Carlos estaba na ruta e non chegou a vela ata o día seguinte.

"Fóra da casa" é unha produción encargada por TVG a Producións Celta, empresa de produción audiovisual que pertence conxuntamente aos xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, do grupo Editorial Prensa Ibérica, e que está dirixida por X. H. Rivadulla Corcón.