"Agora mesmo o rap galego é unha alternativa dentro do panorama nacional e é cada vez máis escoitado e respectado". Así resume o director da web especializada Galiciaflow, José Montero, a situación do hip-hop do país. Porque xa non son só El Puto Coke ou Slowlee, -que tamén-; os artistas galegos dese eido contan cada vez máis dentro e fóra da nosa comunidade asemade que a escena da música urbana se vai tornando máis variada, como se comproba a pouco que exploremos as principais cidades.

O percurso, -guiado en boa medida polas recomendacións de Montero-, podería comezar por Vigo. Dicir Coke non é só dicir rap. O seu último disco, El Puto Coke presenta: Coke Céspedes é moito máis: unha alianza entre o soul, a electrónica, pingas de heavy ou de folk..., cun discurso no que a crítica a un sistema que fai augas se foi intensificando. "Se a sociedade está queimada coa crise, o rap reflicte iso. Eu creo que o rap é o reflexo máis fiel da sociedade, porque fai música de protesta directa. É a voz do barrio", explica. Tamén son referente os colectivos Street Lights Music, Barrio Sound, Track Asedio -con artistas como Duke Sam ou Pow- e Banana Bahía Music -con Kaixo vs Cesar, entre outros-. E, por suposto, Slowlee. De perto de Vigo procede un dos grupos máis internacionais do rap galego: os pontevedreses Delahoja. Tampouco hai que esquecer O Porriño, con nomes como Rack Eterno, ou Cangas, con Neomai e outros.

O seguinte porto imprescindible é A Coruña. Seisenseis están a traballar no seu próximo disco, Microphone Doctrina. Nel terá continuidade o ton crítico de temas de El arte de la espada como "En cualquier rincón", conta Ment. "Haberá tamén temas que camiñen cara ao reggae e colaboracións de xente moi recoñecida", adianta. A Coruña é tamén a base de operacións de Watios (Judah e Sago, do colectivo Norweside) ou de League of Losers.

Uns quilómetros máis cara ao interior, a próxima paraxe é Santiago. García Mc acaba de presentar o seu E.P. Abaixo e de Pé, un traballo xermolado das súas viaxes a Chiapas e situado na líña máis reivindicativa do rap. "Eu creo que os movementos sociais populares nosos poden nutrirse moito dos zapatistas", asegura. "Eles demostraron que se pode subverter o sistema capitalista", engade. Outro rapeiro compostelán, Erin, prepara, tras El Trapicista, un novo disco con máis rap, reggae e dancehall. "Haberá unha evolución notable, pero coa mesma esencia", promete, con letras que van do máis social ao reflexo do propio mundo do rap, entre outras temáticas. Arredor de Santiago móvese moito tamén o hip-hop en galego, no que Dios Ke Te Crew, Gende Beat, Malandrómeda, Alto Asalto, Fluzo, Non Residentz, Os Trasnos de Moscoso -agora Projeto Xido- ou Rebeliom do Inframundo teñen moito que dicir.

Mais, volvendo ao criterio xeográfico, a viaxe ten que continuar por Ourense, onde 96ers preparan un novo maxi e un novo L.P. "Seguiremos na nosa liña Dirty South, pero cunha maior madurez de son e lírica. Achégamonos aos trinta e iso nótase", sinala Ze Verona. O "día a día da vida de barrio nunha cidade galega" é o motor das súas letras, que apuntan a cuestións como que "todo se move arredor do diñeiro". En Lugo habería que salientar a K.A.O.S. & Karmasound ou Anubis Metal Jack e en Ferrol a Alan Bi'Rush. Pero o hip-hop galego ten tamén representantes no estranxeiro, como Gran Purismo e Mafia Gallega. Ao final da singradura, pódese concluír que a heteroxénea escena do hip-hop do país, -só habería que comparar proxectos tan distintos como o de Juanito Broders, DrumDrama, 504, Dr. Valda, Sale ou 040-, foi e é un bo antídoto contra os tópicos sobre o xénero, moito máis rico que o clixé gangsta ou, no polo oposto, o do puramente festivo.

Labor de difusión

O traballo de produtor que durante anos fixo Coke foi fundamental para dar a coñecer a boa parte dos rapeiros galegos. Aínda que el non se sente recompensado por ese esforzo. "Quedei queimado porque houbo xente que se aproveitou de min. Cando lles comeza a ir ben sen ti, dinche chao! e non se acordan máis", asegura. No labor de difusión tamén fan moito Galiciaflow, -publicación hoxe referente a nivel estatal-, ou o festival Microfest.

O repaso ao hip-hop galego non debe esquecer tampouco a mulleres como Aid, Woÿza ou Seilasencia. As tres preparan cadanseu novo disco. Aid vén de editar con Galaxia Rapoemas. No 2013 sacará o seu novo traballo, no que contará cunha banda e con colaboracións internacionais. Di ela que non vai de "malota" nin é a "típica" rapeira, que só fala "do que me preocupa, do que me toca". Mais se hai, no rap galego, unha perspectiva cunha marca de xénero, a súa voz é Woÿza. "A esencia do rap é o discurso social, falar da túa realidade. Pero moitos rapeiros están a perdela, con tanto ego e tanta batalla que parece sacada dunha película de Eminem", cre. A discriminación da muller ou os afectos están moi presentes nas súas letras. Woÿza fai soul-hip hop e o seu próximo disco, "máis adulto" e con banda, será "máis universal e non tan etiquetado no hip-hop", di.