A próxima incorporación da Real Academia Galega será unha muller. A institución da lingua confirma que as escritoras Chus Pato ou Fina Casalderrey son as dúas candidatas que optan a ocupar a cadeira vacante que deixou Xaime Isla Couto. As dúas literatas foron propostas por alomenos tres académicos -actualmente hai trinta- e a decisión sairá dunha votación do plenario, sen que polo momento queiran adiantar as datas.

A que resulte nova numeraria da lingua sumarase a presenza feminina que ata agora representan Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez e Margarita Ledo.

A escritora Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1955) confirmou que fora proposta: "Non te presentas, propóñente; así que como mínimo é un afago polo que lle quero a miña lingua e cultura. So iso", comentou onte pola tarde". Tamén reparou no mérito da outra candidata á entrar na RAG, Chus Pato. "Sempre hai xente fóra que o merece moito máis, pero polo menos isto significa que non che queren mal", asegurou a pontevedresa. Con respecto o seu nomeamento, bromeou: "Cos anos xa non reparas en se o mereces ou non, así que non puxen moita resistencia". A autora do Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil "O misterio dos fillos de lúa" reside en Lérez actualmente, tras exercer de profesora de Lingua Galega no instituto Illa de Tambo de Marín. A súa obra está traducida a varios idiomas.

Pola súa banda, a escritora Chus Pato (Ourense, 1955) destacou onte que lle agrada moito a proposta. "A decisión está agora nas mans dos académicos; pero si que quedei moi sorprendida", asegurou a autora, que fixo público o seu nomeamento vía Facebook, trala aparición da nova no dixital Praza Pública. Cree María Xesús Pato que non é tempo de falar, senón de agardar. A ourensana de nacemento é escritora e activista política, aínda que profesionalmente desenvolveu tamén súa labor como docente de Ensino Secundario. Ademais da súa fonda pegada na poesía, a candidata forma parte de agrupacións tanto de índole literaria -como o Pen Club- como político-social, como Redes Escarlata. Algunhas das obras da autora de "Urania", "Heloísa", "Hordas de escritura" ou "Nínive" foron traducidas ao inglés.

O presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín non quixo adiantar datas sobre o proceso que se desenvolverá na institución e so destacou os diferentes perfís das nomeadas. A RAG deberá proclamar as prazas vacantes nunha reunión plenaria e oficializar as candidaturas antes de convocar a votación.

A Academia estivo formada, orixinalmente, por 40 membros, pero coa aprobación dos novos Estatutos no ano 2000, o pleno quedou reducido a 30 membros. Tralo falecemento de Olga Gallego, que formaba parte do plenario da RAG, a incorporación doutra muller restituirá en cinco as mulleres da Academia.

A vacante de Olga Gallego en 2010 abriu unha etapa de renovación na institución que preside Xosé Luis Méndez Ferrín e na que se ocuparon outras vacantes como a de Fernández del Riego ou Río Barja. Desde entón, a necesidade de incorporar máis mulleres e a reivindicación dunha maior presenza feminina foron unha constante entre diversos movementos sociais, chegando a asinarse comunicados e manifestos.