Para que a nosa ollada sobre unha paisaxe deveña nidia, para que quede despexada e poidamos adquirir unha perspectiva xusta, debemos agardar a que a poeira levantada polos pasos dos viandantes que por alí transitaron acougue no chan. Nos últimos anos, en Vigo e arredores, varias son as miradas que, esvaecida a voaxa grazas ao paso do tempo, tratan de evocar e analizar a xeira da movida viguesa: esa etapa febril que, ao pouco de recibir o agasallo da liberdade que trouxo a democracia, procurou mudar a fisionomía da cidade por medio dunha catarse eminentemente musical.

Ao libro Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso e mais ao musical Galicia Caníbal! que porán en escena Antón Reixa e Quico Cadaval, temos que engadir unha nova proposta en forma de produto audiovisual: Efecto ría, un documental dirixido por Alba Escudero a partir dunha idea orixinal de Josué Pérez. Trátase dun proxecto de fin de curso dos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV), que se achega aos protagonistas daquel movemento cuxo testemuño aporta unha visión directa do acontecido. Directa porque, con acertado criterio, a realizadora prescindiu dunha voz over que canalizara o relato cara a unha crónica xornalística e, por contra, optou por ceder todo o protagonismo aos principais actores do acontecemento. As testemuñas guían a narración e fano a través da exposición de diversos puntos de vista, procurando a complementariedade e enriquecidos cun decoupage de imaxes que rememoran aquel período. A elisión dun narrador omnipresente depara unha formulación suxestiva porque supón un achegamento, como observador ou oínte, que semella ter apenas a intención de atender o que os verdadeiros protagonistas queren contar.

Non hai unha mirada nostálxica na composición do documental, senón que hai un enxergar curioso, con afán de ilustrarse e non de ilustrar, coa intención de permanecer na marxe do relato para que sexan os músicos quen falen directamente aos espectadores. Deste xeito, fórmase un tecido poliédrico que reflicte diversos relatos en primeira persoa, que profundan na diversidade que caracterizou os estilos musicais da época e tamén no perfil heteroxéneo que os novos aires postditatoriais aventaron en todo o país, dando de si unha narración afastada dun esquema pechado, baseado no espírito irreverente e anárquico do período en cuestión, onde as regras unicamente se tiñan en conta para subvertelas. Así como a transición permitiu a conquista das liberdades colectivas, os anos posteriores, os da movida, supuxeron unha loita por acadar liberdades individuais, unha loea despolitizada na que os individuos buscaban unha realización persoal como seres humanos pensantes e creativos.

A pesar do punto de vista neutro que adopta a realizadora Alba Escudero, a nostalxia zumega ao longo de todo o documental, sempre apegada ás testemuñas, non só porque a mirada retrospectiva fixe o seu obxectivo sobre unha etapa pretérita na que todos semellaban estar a vivir unha experiencia única, senón porque, segundo as voces consultadas, as circunstancias actuais do panorama musical e social de Vigo non permiten unha perspectiva optimista. Non é que se extinguiran os grupos musicais de antano; acontece agora que non se dan as condicións precisas para un rexurdimento. Esta é, probablemente, a conclusión máis xeralizada que de desprende do visionado do documental. Foi real, pero efémero.

O documental foi proxectado con éxito na pasada edición do Festival de Cans, nun certame que, este ano, tamén quixo render tributo aos anos da movida viguesa.