Está a vir este ano o maio cuberto de flores, de chuvia...e de concertos históricos no país. Nestes tempos en que na prensa do mainstream non deixan, -non deixamos-, de falar de "partidos do século" e "actuacións históricas" non hai lugar ás dúbidas. Houbo en maio dous concertos que pasan a engrosar a ampla listaxe de actividades que fican para sempre ancoradas nun deses adxectivos, resesos de tanto ser usados. Apenas separadas por dous días, o 10 e o 12 de maio celebráronse a homenaxe ao Zeca Afonso, -o Terra da Fraternidade, homenaxe senlleira polo número e calidade dos artistas convidados e pola afluencia de público-, e mais a volta dos Resentidos, alcumada A Tribo toda baila por un verso de Música feliz, un dos mellores temas do derradeiro álbum de estudio do grupo vigués.

A primeira delas, feita entre semana, sen moita publicidade, case que ningún apoio e cun éxito rotundo foi o Terra da Fraternidade. Escoller un día laborable para realizar unha homenaxe deste tipo, -pensada dalgún xeito en clave nacional e xa que logo, aberta a acoller espectadores de todo o país-, non ten sentido ningún agás se o propio día ten unha carga simbólica que bota por terra outras consideracións loxísticas. E así foi, xa que o 10 de maio de 2012 cumpríanse exactamente corenta anos desde que o Zeca Afonso cantara por vez primeira nun concerto "Grândola, vila morena", sen saber, claro está, que ese sería precisamente o tema que o había facer inmortal, cando menos na franxa máis occidental de Europa, esta que fala na lingua de Castelao e Camões. Tampouco ten moito sentido escoller para facer o acto un espazo municipal, -o Auditorio de Galicia-, nun concello, o de Compostela, que se vén mostrando claramente belixerante con todas as actividades que, dalgún xeito ou doutro, tenten dignificar a nosa lingua e cultura. Ou o que é o mesmo, dignificarnos a nós. Mais, de termos en conta que a estrea o 10 de maio de 1972 do "Grândola" aconteceu nos barracóns do Burgo das Nacións, derrubados nos 90 para construír o devandito auditorio, a cousa volve coller sentido. Iso si, entre tanto atranco e tanta carga simbólica, o acto discorreu como era agardable. Cheo absoluto, emocións contidas até a extase final do auditorio todo a cantar e algunha nota musical sobranceira, nomeadamente postas polo Narf ou a banda Fura Fura e o seu grupo de convidados especiais.

E dous días despois, volvían Os Resentidos trinta anos despois do "Galicia Caníbal". Cun Reixa eleito hai pouco presidente da SGAE e unhas bandas convidadas, Novedades Carminha e O Sonoro Maxín, que apostan sen ambaxes polo sistema Creative Commons. Cousas veredes.

Sempre que unha banda volve despois dun parón, a dúbida sobre se cubrirán expectativas anda no aire. Agás para os incondicionais, -e en Expourense habíaos a eito, como é lóxico-, moitas veces as resurreccións teñen máis pinta de zombie que de grupo de música. Porén, tampouco foi ese o caso, xa que Os Resentidos non esqueceron o oficio. Loxicamente, a falta de costume notouse ben e a entrada continua de colaboradoras e amigos tampouco axudou a coller o ritmo. A lista dos que pasaron polo escenario é longa e os continuos paróns provocaron que Reixa e os seus, magnificamente secundados por unha poderosa banda de apoio, tardasen máis de media hora en se decatar de que estaban no seu concerto.

Isto fixo que os máis de mil seguidores que se congregaron na cidade das Burgas vivisen un concerto estrañamente frío por momentos, agás a apoteose final co "Galicia Caníbal" e algún outro momento ciscado aquí e acolá. Afortunadamente, toda a paixón que se botou en falla por veces en Ourense o 12 de maio, está presente no disco no que trinta bandas do país versionan os temas dos Resentidos e que tamén foi presentado estes días.