Cando en 1963 Francisco Fernández del Riego decidiu que xa era hora de que as letras galegas contasen cunha festa simbólica semellante á xa instituída daquela para a literatura en castelán –o 23 de abril–, Valentín Paz-Andrade xa xuntara méritos dabondo como para ter sido nomeado membro numerario da Real Academia Galega un ano antes. Medio século despois a mesma institución rendaralle hoxe homenaxe en Vigo coa celebración, como é habitual no Día das Letras, dunha sesión plenaria extraordinaria e pública que acollerá a sé da Fundación Barrié de la Maza.

O acto estará presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén estará á fronte do evento institucional co que o Goberno galego conmemora unha data que entende coma "unha celebración da nosa identidade" e que terá lugar no Centro Integrado de Formación Profesional que leva o nome da senlleira figura e amosa a pegada que deixou.

Na convocatoria da Real Academia Galega, prevista para as 12.00 da mañá, un pouco afastada no tempo e no espazo dos "amenceres de Samil" dos que no seu día desfrutou Paz-Andrade, intervirán Xavier Vence, Manuel Rivas, Ramón Villares, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero. Pechará a sesión o presidente da institución, Xosé Luis Méndez Ferrín, quen onte destacaba a faceta poética do empresario e intelectual do Lérez.

De feito, Méndez Ferrín salientou que, malia que Paz-Andrade foi un polifacético autor e pensador, un dos máis importantes na construción da identidade de Galicia –foi, dixo, "ideólogo e práctico do nacionalismo galego"–, é a súa faceta como poeta "dunha forza nerudiana" a que reivindica a edición deste ano do Día das Letras Galegas. "Non era un economista que fixese poemas. Era un verdadeiro poeta", asegurou. "Foi un gran poeta e un grande economista. Iso non adoita ocorrer, nin en Galicia nin en ningunha parte", concluiu.

Tamén a Xunta de Galicia na súa declaración institucional destaca o senlleiro da súa voz e da súa figura. Foi a obra de Paz Andrade, segundo o Goberno galego, "un modelo de inmensa lucidez para a vertebración dunha sociedade de moi singular bagaxe cultural". Na súa declaración institucional, a Xunta súmase "á chamada anticipatoria dun dos grandes homes das nosas leras, que soubo desenvolver con mestría innumerables facetas" e que "viviu todo con intensidade infatigable".

Por iso o Executivo galego tamén se suma á festa a través dunha exposición que pode verse no centro de FP Paz-Andrade e dun acto que contará coa presencia de Feijóo e dos conselleiros de Presidencia e Cultura.

As homenaxes ao empresario pontevedrés, non obstante, non agardaron a hoxe. Xa onte Feijóo realizou un chamamento a facer do galego "unha ferramenta da unidade e da liberdade, útil no traballo, nas relacións sociais e nas novas tecnoloxías" e a ter o idioma "coma unha lingua capaz de irmandarse con todas as demais, que non exclúe, senón que incorpora". Fíxoo na ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres, onde acudiu acompañado polos mozos de Novas Xeneracións do PP; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; ou o expresidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, xunto a outros membros do partido.

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, achegouse canda Alfonso Paz Andrade ao camposanto do Lérez para realizar unha ofrenda floral diante da tumba do intelectual. Nese marco deu lectura a unha declaración oficial na que puxo como inspiración para o seu partido o espírito do homenaxeado e a súa idea de "Galicia como tarefa". "Representa un xeito de entender a vida e de sacar adiante este país respectando a súa identidade cultural, apostando por ela a través de modelos socioeconómicos e sentíndose orgulloso de Galicia, que era unha das verbas que levaba sempre na boca Paz-Andrade", destacou Vázquez, quen hoxe tamén asistirá á sesión extraordinaria da RAG e máis á homenaxe da Xunta.