Cando está a piques de celebrarse o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Valentín Paz Andrade, a Fundación Barrié acaba de inaugurar na Coruña unha exposición sobre o ´Galicia´, o xornal fundado por Paz Andrade no 1922 que aglutinou nas súas páxinas ás mellores plumas da intelectualidade galega e cambiou o concepto de xornalismo coa incursión das caricaturas e a lingua galega

Ademais de empresario, político, investigador, poeta e editor, Valentín Paz Andrade foi, segundo Xosé Luís Méndez Ferrín, "un home de vangardas". O presidente da Real Academia Galega (RAG) inaugurou onte a exposición "A Galicia do ´Galicia´ (1922-1926)", que poderá verse ate o 1 de xullo e que repasa a traxectoria do xornal Galicia. A mostra, organizada con motivo do Día das Letras e comisariada polo secretario da RAG, Xosé Luis Axeitos, contén exemplares orixinais dos 12.000 números que publicou en 4 anos, debuxos, carteis, cartas e obxectos persoais de Paz Andrade –material procedente da Academia, o Museo de Belas Artes e da Barrié, entre outras coleccións– e rende homenaxe á que foi "unha das cabeceiras de prensa máis modernas e significativas da historia xornalística de Galicia", segundo dixo o presidente da Barrié, José María Arias. "Con só 24 anos, Valentín Paz Andrade ponse á fronte dun xornal que foi referente de liberdade e de defensa dos intereses galegos e no que cabían non só personalidades do ámbito xornalístico senón tamén do mundo cultural e artístico", apuntou Arias.

Méndez Ferrín eloxiou a historia do "Galicia" e a súa "liña editorial firme, clara e comprometida co país", e destacou que a súa información veraz e o feito de que nel colaboraran escritores do máis alto nivel convertérono nun modelo de bo xornalismo. "Valentín era un home de vangardas, amigo de Manuel Antonio, un mestre e amigo inesquecible para min", dixo Ferrín.

Alfonso Paz Andrade, fillo do homenaxeado, recoñeceu o "labor intenso e honesto" do seu pai e o seu compromiso cunha terra que quería reinventar. Sinalou que, "nestes tempos difíciles, Galicia ten que reivindicar máis que nunca o seu patrimonio, o propio, para competir co resto do Estado e co resto do mundo". "As palabras de Castelao, Blanco Amor, Alfredo Brañas, Isaac Díaz Pardo e moitos máis quedan aí para sempre, e o seu pensamento é o que nos ten que marcar o noso futuro", apuntou Paz Andrade.

Unha das innovacións do "Galicia" foi a de incorporar caricaturas e artigos de opinión en galego, para o que contaba cos debuxos de Castelao –que comezou nesta publicación varias das súas series gráficas como Cousas da vida, Os Homes ou Retrincos– e cunha longa lista de colaboradores, como Rafael Dieste, Vicente Risco ou Luis Ksado. Xosé Luís Axeitos resaltou que Paz Andrade "foi un gran orador, economista, avogado... pero nunca deixou de ser xornalista. Elixiu o xornalismo como canle e vehículo das súas ideas, un xénero non académico pero si áxil, versátil e crítico, moi apropiado para o que quería expoñer".