Francisco Peña Flores, máis coñecido como 'Paco', é un interno do cárcere de Alcalá-Meco que cumpre condena por asaltar un banco e hoxe gañou o xubileu despois de facer o Camiño de Santiago con voluntarios do BBVA.

"Estou en prisión por asaltar un banco, si; é un pouco irónico que faga iso e agora sexa unha entidade bancaria a que me deu facilidade e apoio deixándome participar nesta iniciativa", dixo á Efe Francisco Peña.

"Eles víanme como alguén que asaltara un banco, e eu víaos como banqueiros. Pero neste camiño decateime de que no BBVA hai seres humanos tremendos, aos que só podo expresar gratitude", dixo.

Para el, este foi un descubrimento recíproco. "Eu cometín delitos baixo unhas circunstancias que me levaron a un mal resultado", confesou. Paco non tiña diñeiro para afrontar unha hipoteca. "Dalgunha maneira acepteino, estou pagando esa condena e se Deus quere, cando for, poderei volver encamiñar a miña vida", contou.

A súa idea é conseguir un réxime de semiliberdade para estar coa nai, actualmente enferma. Con el chegaron a Santiago outro cinco internos, "que xa coñecía, mais alí dentro cada un xogamos un rol, é unha prisión, non podes reflectir ningún tipo de debilidade, se ven que es débil bótanse enriba de ti, mais aquí todos tiramos a máscara e viuse a identidade real", explicou.

Enrique Caraballos Melón, outro interno, é un dos máis novos desta ruta. Ten 25 anos, e para el este proxecto patrocinado polo BBVA é "unha experiencia incríbel". "Non teño palabras para describilo, se non fixese isto non sería a persoa que vou empezar a ser agora", asegurou á Efe.

O seu proxecto vital pasa por empezar "a ser humilde, e isto aprendino aquí, que a humildade é o principal".

Enrique tivo bochas e unha pequena lesión de xeonllo, mais na súa cabeza estaba atinxir a meta.

Leva 15 meses en prisión, e quédanlle 7, "moi pouquiño para unha progresión de grao, chámase terceiro grao, unha preparación para a semiliberdade, poderiamos chamarlle", comentou.

No seu caso, está entre reixas por "pelexas, mala vida na rúa, xuntarte con xente que non deberías..., un cúmulo de cousas".

Santiago Gómez, psicólogo do centro penal, estaba satisfeito "porque se cumpriron as expectativas, non queriamos facer unha saída dun permiso para sacar pasear internos, buscabamos unha situación de convivencia normal, peregrinos que camiñan xuntos e gozan dunha situación moi especial".

Día a día, narrou á Efe este especialista, foron gañando en confianza, "porque hai que gañala, hai que xuntarse para comentar...".

Houbo un comité de selección para escoller os internos participantes nesta iniciativa, "porque se pido voluntarios queren vir todos", aclarou Santiago Gómez.

"Buscaba persoas que tivesen vontade. Fixemos unha preparación de tipo cultural para que soubesen a que viñan, que tivesen interese, capacidade social.... Non son xente súper escollida, senón natural, moi normal, de alí, de Alcalá-Meco", agregou.

Gómez puntualizou á Efe que "moitos están afeitos a ambientes miopes en perspectivas de vida". "Esta situación -engadiu- posibilitoulles coñecer outras formas de comportamento, situacións en que non hai desconfianza, perder o medo á relación con outros... É un caldo de cultivo boísimo".

O mellor logro, a xuízo deste psicólogo, é que "desde fóra non se podía determinar quen eran acompañantes, voluntarios, internos...".

Entre as anécdotas desvelou que estes peregrinos querían "interactuar coas mozas máis novas, intentar estabelecer algún tipo de conversa".

Carmelo Beltrán, director territorial do BBVA, indicou que esta é a quinta edición deste programa, que forma parte do proxecto "Natureza e Solidariedade", e que "é bo para todos, de feito esta é a quinta edición", precisou.

Afirmou que "normalmente collemos distintas alternativas, nesta ocasión saímos de Madrid e toda a ruta foi por Castela e León e Galicia, mais agora estamos estudando como será o ano que vén, temos bastantes ideas e irémolas madurando".

Joaquín Santos Abarca, director da Oficina do Voluntariado do BBVA, dixo que en total se fixeron 216 quilómetros, 192 nunha primeira etapa de sete días entre Madrid e Puente Duero (Valladolid), e os restantes en Galicia.

"Xudicialmente non lles permiten estar máis de sete días fóra do cárcere, facendo noite fóra seis", aclarou, "por iso incorporámonos outra vez onte desde Melide e fixemos a última etapa, a Pedrouzo, e de Pedrouzo aquí".

"O proxecto non é de sendeirismo", puntualizou Abarca, "porque imos ao albergue onde nos hospedamos, despois reunímonos, aí vense os sentimentos, é xente que necesita ser escoitada, cada un conta a súa historia e son conscientes de que delinquiron, que xeraron vítimas, mais non por iso os imos penalizar permanentemente", matizou.

95% dos internos que acompañaron até agora, segundo dixo á Efe, xa conseguiron a súa condición de liberdade, "coa súa vida nova, reinseridos e traballando no que mellor poden".

Esta vez chegaron a Compostela un grupo de 26 persoas, seis internos, catro funcionarios e o resto voluntarios do BBVA.

"Delitos hai de todo o tipo: de sangue, roubo, maltrato de xénero, mais a maioría están por drogadicción", indicou Abarca.

Con este proxecto, o BBVA pretende implicar os internos do centro penal nun proceso de aprendizaxe activa en que dan prioridade a dous valores: a solidariedade e as actuacións de protección do medio natural.