A colección de libros infantiles trilingües que reparte FARO DE VIGO co seu exemplar do domingo –e o pago de 1,95 euros– prosegue esta fin de semana coa quinta entrega que leva o título de "Lara e Hércules en Fisterra".

A nova colección trilingüe –en galego, inglés e español–con libros-disco para o público infantil que oferta FARO DE VIGO ofrécese a aqueles lectores que entreguen no quiosco o cupón correspondente do xornal e o diñeiro.

As autoras do relato, María Ferreiro e Charo Latorre, adaptaron as lendas tradicionais galegas a contos, mentres que Tomás Latorre realizou as ilustracións en acuarelas artesanais nas que os nenos poden recoñecer perfectamente os lugares.

As escritoras sinalan que "o coñecemento e a difusión das lendas galegas axúdannos a entender un país, conformado por xentes mitómanas e imaxinativas, que admite como habitual o fantástico".

Na narración de "Lara e Hércules en Fisterra", un grupo de nenos visitan o monumento romano na Coruña como actividade de final do curso. A profesora que os acompaña destaca que os vai sorprender cunha fantástica e vella historia "de heroes e malfeitores".

A devandita historia comeza cando na antiga Grecia, Alcmena foi seducida por Zeus, o pai dos deuses do Olimpo. Este adoptou a figura do seu esposo para enganala.

As orixes da Coruña

Da unión e da paixón dos dous naceu Hércules, un neno que era metade humano, metade deus. A muller de Zeus soubo deste engano e dirixiu a súa cólera contra Hércules enviándolle castigos e bestas para atemorizalo. Pero o valente Hércules sempre se amañaba para supera-los obstáculos. Así foi que pouco a pouco se gañou a fama de forte e invencible.

Nas seguintes páxinas, o conto narra como Hércules se fixo maior e viaxou polo mundo ata fundar en Galicia a cidade de A Coruña. Para saber os detalles de toda a lenda, só hai que ler este conto.

Tras "Lara e Hércules en Fisterra", o diario decano entregará "Uxía na cova do rei Cintolo".

Ademais de ler, os nenos –os libros están dirixidos a pequenos de máis de seis anos de idade– tamén poden escoitar as historias. As locucións dos cedés, que inclúen ó igual cós textos os tres idiomas, supoñen un instrumento ideal para que aprendan idiomas dun xeito divertido.

Así, os pequerrechos poderán ler as historietas na súa lingua materna e despois repasala noutros dous idiomas, ampliando o seu vocabulario e coñecementos.

Locutores nativos

Os cedés están locutados por nativos para que a pronuncia sexa correcta. Ademais, presentan tamén música para anima-la narración. As melodías foron creadas expresamente para este proxecto por Oscar Carreras.

O éxito destes contos non só se debe a isto último senón tamén á linguaxe empregada polas escritoras. "Utilizamos unha linguaxe e un vocabulario sinxelos para que a lectura non resulte tesiosa e complexa", aseguraron as autoras.