"Nada lle compracería máis que estar aquí hoxe, ante os seus amigos. Dicir don Paco (Fernández del Riego) é dicir Galicia. Viviu nela e para ela". Foron estas algunhas das verbas de Ana María Fernández del Riego, irmá do patriarca finado o pasado mes de decembro en Vigo, no acto onte de entrega póstuma do Premio Os Bos e Xenerosos concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A irmá, que pronunciou un discurso de agradecemento sentada por obriga da saúde, lembrou unha canción que a súa nai lles cantaba sendo nenos e nas que aseguraba que había dúas cousas realmente importantes na vida: o amor e a patria.

O seu discurso foi aplaudido por unha sala chea que asistiu a unha homenaxe na que Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, foi o encargado de pronuncia-las primeiras palabras. Con elas, calificou a Del Riego como "o noso foco e guía que nos levou e nos seguirá levando nunha boa singladura".

Pola súa parte, Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) explicou que a intención de conceder o Premio Os Bos e Xenerosos foille comunicada ó propio Don Paco antes da súa morte. A idea, naquela altura, era entregarllo na súa casa xunto á Praza Compostela en Vigo xa que a súa delicada saúde xa non lle permitía desplazarse fóra.

Sánchez asegurou do vello editor "da estirpe de Álvarez Blázquez ou Casal" que tamén será querido e respetado sempre como escritor, ó tempo que colocou metaforicamente a súa figura entre os 24 anciáns do tímpano central do Pórtico da Gloria que simbolizan a Apocalipse, outorgándolle a función de "debatir sobre o destino do pobo da chuvia".

Tamén tivo unha intervención en forma de "laudatio" o director xeral da editorial Galaxia, Victor Freixanes, quen calificou a Don Paco de "músculo de esta nación" ademais de persoa que "dende moi nova entregou o seu talento á causa do galeguismo ó longo dunha vida de "vontade de ferro" na que abundou en "optimismo".