Segundo Xosé Ramón Barreiro, o volume número 7 da revista La Tribuna elaborouse en 2009, pero non se puido publicar ata agora por circunstancias económicas. "Supuxen que tardaría bastante en saír publicado, pero afortunadamente a RAG e a Fundación Novacaixagalicia quixeron que isto pervivira e saíra á luz. É un número que foi preparado polo meu antecesor na revista, José María Paz Gago", dixo o cadémico galego.

Patricia Carballal, subdirectora da revista, gabou as fotografías inéditas e os novos estudos sobre a escritora coruñesa, dos que destacan o primeiro estudo sobre a posición económica de Pardo Bazán, a psicoanálise feita por Christian Boyer –profesor da Sorbona– sobre a modalidade de "conto cruel" da autora, e unha reflexión sobre a homosexualidade en Los pazos de Ulloa.

Xosé Ramón Barreiro, ex presidente da Real Academia Galega e responsable da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, pediu onte na presentación do número 7 da revista La Tribuna –publicación dos estudos sobre a escritora coruñesa– á Fundación Novacaixagalicia o seu apoio, de cara a seguir editando novos volumes desta revista, que ensalza a figura de dona Emilia. Barreiro solicitou á presidenta da Fundación Novacaixagalicia, Teresa Porto, que velara polos intereses da Coruña e non permitise "que Vigo termine por impoñerse".

A Fundación Caixa Galicia, agora Novacaixagalicia, leva anos colaborando coa Academia e coa Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, polo que Xosé Ramón Barreiro comentou que hai "tempos para todos" e A Coruña ten que "defender o seu couto". O ex presidente da RAG agarda que haxa "días de gloria" para este proxecto e poidan "dedicarllos a Emilia Pardo Bazán". A presentación do número 7 da revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán tivo lugar na sede da Real Academia Galega e a ela acudiu tamén a subdirectora da publicación –que comezou a editarse en 2004–, Patricia Carballal, quen destacou a cantidade de contidos inéditos sobre Emilia Pardo Bazán neste novo número de La Tribuna.