Luciana non pediu “vez para nacer”. Vive na periferia de São Paulo, onde “a guerra do narcotráfico deixa catro veces máis mortos có conflito palestino”. Iolanda Zúñiga dá estes datos e narra a vida deste personaxe así como a doutros habitantes do arrabalde de favelas brasileiras en Periferia, Premio Xerais 2010.

Nun momento no que a policía ocupa barrios como Vila Cruzeiro en Rio de Janeiro para intentar frena-la violencia dos clans, a escritora galega (Vigo, 1975) non traba a súa lingua dende esta costa do Atlántico: “Paréceme sorprendente e de cara dura que agora se metan nas favelas porque veñen os Xogos Olímpicos e a copa mundial da FIFA”.

“Van -prosegue- para intentar arranxar unha situación que leva pasando 20 ou 30 anos co narcotráfico, a violencia... Ata agora dáballes igual pero agora intentan facer algo para quedar ben ante o mundo”.

-Nun capítulo de Periferia conta como o exército entra nunha favela e acaba asasinando a un neno que na man portaba uns debuxos e que corría cara a nai.

-De vez en cando, a policía entra para cargarse uns cantos narcotraficantes e no camiño cae quen cae. No Rio de Janeiro, coméntoo no libro, hai un coche blindado coñecido como caveirão que teñen unha saída para os canóns do fusil que comezan a disparar “a diestro y siniestro”. Se un neno pasa nese momento, morre.

-Vostede sufriu esa violencia na súa estadía en São Paulo?

-Pasei un mes alí. A tensión no ambiente pálpase. A cidade ten tensión. São Paulo non é o Brasil que venden de praias e de samba. São Paulo ten un carácter máis do norde de Europa, pechado, a xente vai vendo para o chan; non é nada accesible. Eu tardaba da periferia ó centro catro horas en chegar e, de volta, outras catro. Estaba oito horas no autobús, con atasco. Ía cinco días á semana porque quería vivir iso, para plasmalo no libro.

-A historia presenta a Luciana, unha rapaza que deixa os estudos para iniciarse como traficante na favela. Está rodeada de nenos (moitos deles, meniños da rúa) que se drogan co crack.

-Hai sociedades como a sudamericana que se refuxian na relixión. O aborto non está permitido; os anticonceptivos son como instrumentos do diaño e os homes -que son moi machistas- non queren usa-lo preservativo. Unha muller desde os 13 anos comeza a estar embarazada, e de diferentes pais. Os rapaces acaban criándose sós e viven na rúa. Para sobrelevar esa vida, fuman ou inhalan crack, unha droga que mata milleiros de persoas. A xente de clase baixa tómaa proque é moi barata. Non sei exactamente canto custa agora unha pedra pero ó mellor anda entre os tres ou cinco reais, un euro ou incluso menos. O crack evádeos desa miseria e con el tampouco teñen fame.

-En Periferia, ó igual que en Vidas post-it, hai moita soidade.

-Ó mellor, ten que ver co mal do animal, que son eu. Ó mellor, cando un se pon a escribir leva consigo parte da súa biografía ou de como ve o mundo. Ver unha sociedade que non dá unha man á xente necesitada, fai que me preocupe por estes temas, por esas persoas que non son significativas para os medios. Interésanme as persoas anónimas.

-E interésalle a vida sen a escrita literaria?

-Non teño esa necesidade de escribir cada día, nin cada mes, nin ó mellor nun ano ou dous. Cando atopo unha historia da que me namoro intento contala do xeito menos mediocre posible. Ata que unha historia me toca no corazón, non conto nada (Iso si) se volvo a escribir no futuro, será narrativa.