O profesor Xosé Luís Regueira acaba de crear o primeiro Dicionario de pronuncia da lingua galega, na sede da Real Academia Galega da Coruña. Este volume pretende, en palabras do seu autor, "presentar unha proposta realista" do galego para usos públicos. Está destinado, explicou Regueira onte, ós profesionais dos medios de comunicación, ós mestres, ós actores e dobradores e, en definitiva, a todo aquel que use a lingua galega nun ámbito culto e formal.

Ó acto de presentación do libro acudiron os profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González, que estiveron acompañados polo autor do dicionario e o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín. Fernández Rei sinalou que a obra presenta un modelo estándar para a pronuncia do galego, moi útil e necesario para a sociedade galegofalante.

"Non é unha normativa, porque na lingua falada permítense variacións", dixo Fernández Rei, quen valorou que o autor primara o galego histórico fronte ós outros modelos á hora de escoller cada pronunciación. O profesor afirmou que no Dicionario "non se vai ver reflectido completamente ninguén", xa que abarca diferentes formas de pronuncias das palabras galegas —arredor de 50.000—.

Por outra banda, Manuel González amosou a súa ledicia pola presentación dun libro coma este precisamente na RAG, "a Casa da Palabra". "É unha obra que enriquece o coñecemento da lingua, era necesaria e casi imprescindible" de cara á normalización do galego. "Galicia xa tiña gramáticas, estudos lexicográficos, unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas… pero todo para a escrita, non contaba cun patrón ortofónico", sinalou González, quen destacou a importancia deste volumen "desde o momento en que hai usos cultos do galego e deben ser uniformes, independentemente da nosa procedencia xeográfica".

Polo de agora, a obra de Xosé Luís Regueira non é unha normativa, aínda que a RAG tomará esta obra como referencia á hora de aprobar as novas normas. A este respecto, Ferrín respaldou o Dicionario de pronuncia da lingua galega e afirmou que se trata "dun paso moi importante de cara á normalización do noso idioma".

O autor explicou que tentou de amosar un galego "auténtico, sen perder a súa identidade", pero "integrado nas linguas de cultura do noso arredor". Un galego que pode ser aceptado por tódolos falantes e que deixou de ser fai tempo "a lingua de labregos e mariñeiros, xa que existen profesionais urbanos que utilizan este idioma en ámbitos académicos, cultos", e necesitan uns patróns.

Regueira comentou que con este libro pretende amosar un "galego do século XXI" e sinalou que este traballo non parte de cero, senón que se asenta sobre modelos xa creados. "Non damos nacemento de algo novo, estos feitos xa están dados, hai diferentes pronuncias e ningunha delas é incorrecta, só queremos dar un galego estándar".

Falou o autor tamén do colectivo estranxeiro que estudia galego: "Presentamos un modelo para aqueles que aprenden a lingua galega na actividade pública, persoas de fóra de Galicia que necesitan un modelo formal", concluíu.