A historia sobre o contrabando da última novela de Manuel Rivas centrada nunha hipotética vila costeira galega, de nome Brétema, enfila xa a súa existencia cara a pantalla grande do cinema. A produtora galaica Milou Films iniciou xa os pasos para que o guión comece nuns meses a tomar forma en gravacións audiovisuais, segundo explicou a responsable da compañía, Elisa Saldaña.

Personaxes como o capo Mariscal, que sobe como un foguete na sociedade local debido ós seus escuros negocios; e Brinco, o "ás da ría", o "heroe dos contrabandistas", como o propio Rivas presenta na súa novela "Todo é silencio" deixarán as páxinas de papel para convertirse en humanos de carne e óso.

"O casting para os actores e actrices aínda non o fixemos", explica Elisa Saldaña. Non é o único que todavía non está atado. "Aínda temos pendente o tema do financiamento", detalla a produtora que ten previsto a principios de Nadal buscar novas localizacións para a rodaxe. "Intentaremos atopar espazos naturais que se axeiten coa historia da novela", engade.

O libro transcorre nunha vila do litoral galego onde a corrupción e o contrabando mandan gobernando os distintos eidos económicos, políticos, sociais e mesmo deportivos (un clube de fútbol).

A xénese desta última historia de Rivas tivo un recorrido diferente ó doutras obras. Nesta ocasión, o que primeiro naceu foi o guión no que traballou Rivas con xente de Milou Films.

"Gustoulle tanto a historia a él que pediu facela novela. Dixémoslle que sen problema", sinala Elisa Saldaña, quen tamén ten nos miolos o proxecto de levar ó cine as historias de Leo Caldas nas novelas de Domingo Villar. "De momento, diso non podo falar nada, porque non hai nada avanzado", explica a produtora.

No caso de "Todo é silencio", a previsión é que a rodaxe poida escomezar entre os vindeiros meses de abril e maio.

De momento, a promoción da novela prosegue. Hoxe mesmo, será presentada por xente da Editorial Alaguara no Círculo de Bellas Artes de Madrid. En galego, hai que lembrar que foi Xerais que a tirou do prelo.