A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presenta hoxe, simultanemente en decenas de lugares do mundo, o libro “55 mentiras sobre a lingua galega”, un estudo coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas co que os seus autores pretenden axudar a superar os prexuízos e as interpretacións subxectivas sobre o idioma de Galicia. En Vigo a presentación terá lugar na Casa Galega da Cultura ás 20.30 horas.

-Por que presentan o libro en 55 sitios distintos a un tempo?

-Xa son máis de 70. Chamounos moita xente que se ofreceu para presentar o libro.Tiñamos o problema de ver onde o presentabamos, se na Coruña ou en Vigo, onde estaba o ollo do furacán, e queriamos combater a mentira alá onde a mentira se orixinara; despois pensamos nas sete cidades galegas e a alguén se lle ocorreu que por que non o faciamos en vinte localidades, pero hai xente de Prolingua por aí fóra que dixo: “sería bonito facelo tamén aquí”, e xa temos o sitio e a xente que o presentará mesmo en Madrid, Barcelona, Vitoria, Tubinga, Lisboa, Nova York, París, Londres, Copenague, Nablús... Para nós é unha alegría inmensa esta marea de fartura, porque a xente xa está farta de tanta mentira.

-Cal é a utilidade do libro?

-O libro nace simplemente para desmontar todas as falsedades que se foron vertendo sobre a lingua nos últimos tempos. Hai pouco nun programa na TVG sobre o famoso decreto unha profesora de Dereito saltou outra vez con ese bulo urbano de tres ao caldeiro (tres elevado ao cubo). Que me digan en que colexio, en que aula, que profesor, cando e onde, porque é falso. Son esas mentiras... Hai xente que trata de rediculizar o galego cando non pode criminalizalo ou recluílo, é a estratexia do negacionismo. ‘Imos ridiculizar o galego, paletos: leiras magnéticas, tres ao caldeiro’... É mentira a imposición do galego, é mentira que o castelán corra calquera risco...

-Son mentiras con ideoloxía?

-Totalmente. Ata o de agora houbo un conflito lingüístico enorme, o que pasa é que os galegofalantes teñen unha paciencia de boi secular. Había uns decretos para o ensino que non se estaban cumprindo e no momento en que unha Administración decide que se cumpran, entón é cando se fala de imposición. En Vigo, só o 25% dos centros educativos cumprían o decreto do galego en 2008.

-O decreto, nun principio, foi acordado por todos os partidos.

-Foi consensuado por todos, mesmo polo PP, que despois se desmarcou, e é unha derivación lóxica do Plan de Normalización, que foi feito con Fraga de presidente e Feijóo de vicepresidente. Non ocurrera nada anormal ata que non sei quen chamou nun arrebato desde Madrid e aquí puxéronse firmes e empezaron coas mentiras e difundíronse unha serie de historias para non durmir. Teño amigos da alma en Madrid que dicían: “como vos estades pasando en Galicia”. “Familias enteiras teñen que abandonar Galicia presionadas polo galego”, dicía ABC. Vaia por Deus! Se nós non podemos facer vida normal en galego, se en Vigo, de 630 misas, só dúas son en galego. Si eu quero firmar unha hipoteca en galego cústame un mes e se a fago en castelán, un día. Calquera xestión en galego é un problema. Teño moi difícil vivir en galego e unha persona que viva en castelán, non. Pero os que queremos vivir en galego, sobre todo nas urbes, estamos marcados: ou somos paletos ou somos do Bloque.

-Os prexuízos máis comúns?

-Que o galego non é útil, que non vale para nada, que está ben para falar na casa pero non para dar clase de Física ou para saír fóra de Galicia... En Vigo, hai moita xente -médicos, enfermeiras...- que traballa en Portugal. Por que? Porque levan xa o idioma aprendido, e non collen salmantinos ou extremeños. En Petrobras, en Brasil, hai moitos enxeñeiros galegos. Iso de que non vale para nada... Din: “É que non é internacional”. Tampouco é o español: deixémonos de historias, a lingua científica e técnica é o inglés.

-Por que o desprezo ao galego?

-En 1960, só o 13% da sociedade galega falaba sempre en castelán. Con Franco esténdese o ensino obrigatorio e esténdense en español, como se extende o aparato administrativo do Estado. Iso foi decisivo para a produción de prexuízos, e ao mesmo tempo prodúcese un éxodo do campo ás cidades, sobre todo a Vigo e á Coruña, onde había unhas burguesías foráneas asimiladas. Hoxe hai xente que na Coruña ou Vigo fala castelán e na aldea faino en galego; na cidade, non, por se o tildan de aldeán. Estes prexuízos, que tiñan que estar erradicados despois de trinta anos de Autonomía, aínda funcionan.

-Que foi o que fallou?

-Houbo unha política lingüística de baixa intensidade, os decretos non se aplicaron no ensino, nin nos medios de comunicación, a pesar das subvencións. É máis, a presenza do galego nos medios de comunicación decreceu desde os primeiros anos da Autonomía. Non houbo unha politíca lingüística para captar novos falantes.

-No libro falan do síndrome Michael Jackson.

-Claro, facemos todo o posible por deixar de ser galegos porque asociamos ser galegos a unha serie de connotacións negativas. Michael Jackson, por máis que quería, non podía deixar de ser negro, e a moita xente, por máis que quere, o acento galego nótaselle sempre. É un complexo, moita xente querería ser madrileña, directamente.