Un erudito romántico alleo á sona feroz

Moito daquel talante educado e liberal republicano pervive neste discípulo de Otero Pedrayo que aprendeu en Oxford a ser un intelectual marxista e un escritor que detesta o realismo social

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Definir a Xosé Luís Méndez Ferrín, o home que dende onte preside a institución cultural máis prestixiosa de Galicia, é unha misión imposible. Nacionalista romántico que algúns queren ver como o lobo feroz, catedrático que deixou a súa pegada en varias xeracións e escritor de culto e sona, ademais de home comprometido que pagou co cárcere a súa oposición radical á ditadura franquista, o novo presidente da Real Academia Galega é sen dúbida unha das referencias máis eruditas da intelectualidade galega. Estas letras pretenden buscar o Ferrín verdadeiro na atractiva diversidade de personalidades que conforman o universo ´ferriniano´.

SANTIAGO ROMERO - A CORUÑA Coma naquel misterio da Santísima Trindade, tamén temos aquí polo menos tres personalidades. Ferrín, zoólogo frustrado e nacionalista romántico, pero tamén escritor, profesor e académico, éo todo menos un home de mármore. Aínda que a algúns llo pareza, pola sona de furibundo que o precede. Malia que moito daquel talante educado e liberal republicano perviva no carácter deste alumno de Otero Pedrayo que aprendeu en Oxford a ser un marxista fantástico.
Nada é simple no universo ferriniano. Foi un profesor comprometido contra o franquismo que cumpriu dous anos de condena en El Dueso, aonde chegaban cartas do Pen Club firmadas por Arthur Miller e Tennessee Williams, e é un escritor –o autor galego de máis sona con Cela,Torrente, Cunqueiro e Rivas– que detesta o realismo social.
Xosé Luís Méndez Ferrín chegou a este mundo en plena Guerra Civil e, aínda que o seu pai era un avogado republicano que non padeceu a represión por pertencer ao partido de Lerroux, que non se integrara no Frente Popular, na súa memoria quedaron impresas as turbulencias da posguerra, cos maquis, os paseos e ao fondo sempre as voces metálicas de Salvador de Madariaga ou Jorge Marín fustigando o fascismo dende Londres e París. Décadas despois, nos convulsos anos 60, colaboraría no berce dun proxecto político, a UPG, o daquela pretendido partido comunista galego, que viña rodado desde os anos 40 por galeguistas como Valenzuela ou Pepe Velo, que estiveran cos comunistas na guerrilla antifranquista.
A figura mítica do guerrilleiro fundiuse na mente fantástica dun neno que soñaba coas lecturas de Os cabaleiros da táboa redonda, Peter Pan ou Corazón, e medrou coas epopeias galácticas de Flash Gordon e outros heroes do cómic norteamericano como Ben Bolt ou Rip Kirby, sen facer ascos aos españois, mesmo ao facha Roberto Alcázar. Daquela pasaba o tempo cazando insectos e quería ser zoólogo, algo quizais impropio de alguén que, como lle recordaba o seu avó, non debería esquecer que fixo o ingreso o mesmo día que o agora rei Juan Carlos.
A obra de Ferrín está atravesada por un máxico romanticismo á irlandesa que se aprecia no Turelo de Arraianos, un personaxe que mata tres veces ao sedutor da súa muller –a derradeira, suicidándose porque a pantasma do rival o tiña posuído para deitarse con ela– ou naquel capitán Keinec, vítima dun motín, que aínda hoxe navega sen decatarse de que o seu segundo lle cortara a cabeza.
A súa vida real está tamén habitada en certa maneira por ese sentimento tráxico tan irlandés no que a liña que separa o heroísmo da traición e o amor do odio só pode ser comprendida pola poesía. Pasoulle con Bautista Álvarez, que fora o seu vello camarada naquela banda de poetas beatniks que era o grupo Brais Pinto naquel Madrid provinciano dos anos cincuenta, e que se converterá máis tarde no seu acusador na asamblea da ANPG, organización nacionalista precursora do Bloque, que decidiu expulsalo.
Algo disto arrástrase igualmente desde o seu paso por Compostela, cando aínda era un mozo vagamente crente que ás veces acudía a misa con Franco Grande, onde viviu radicalmente as súas relacións con aqueles rosacruces galeguistas agrupados ao redor de Ramón Piñeiro, a quen Ferrín ten acusado de impedir a reorganización do Partido Galeguista , e de Galaxia.
O grupo poético Brais Pinto, do que formaban parte, ademais de Ferrín e Bautista Álvarez, Fernández Ferreiro, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, César Arias e Alexandre Cribeiro, entre outros, tiña como bandeira o combate ao neorrealismo de moda naquel triste Madrid de 1958, que contrastaba co ambiente aberto e liberal de Vigo, a onde o mundo exterior chegaba regularmente nas visitas dos trasatlánticos. Tamén lle tiñan declarada a guerra literaria a Cunqueiro, e a Cela. O futuro Nobel galego escribiríalle una carta de recomendación "a quien corresponda" con membrete da Real Academia Española pouco despois dos tráxicos sucesos da folga xeral de 1972, e fíxolla chegar a Ferrín, buscado pola policía, ao seu escondite. Desde logo, o autor de Cón pólvora e magnolias non se conta entre os que regatearon a xustiza do premio otorgado pola Academia sueca ao escritor de Padrón. Outra cousa é –unha sombra atravesa entón o ánimo de Ferrín – cando se lle menta a Torrente Ballester, que nalgures escribiu sobre Ferrín que "era mi amigo y dejó de serlo".
Ferrín fíxose marxista, ademais de especialista en francés medieval, en Oxford, a onde chegou advertido por Madariaga, quen lle contara que era unha universidade pouco especulativa, que estaba moi ben en física, disciplina da que nin Ferrín nin Madarariaga sabían ren. Gañábase a vida traballando na factoría automobílística da Morris mentres asistía a clases de anatomía nas que abrían cadáveres en canle en plan CSI. E pasaba as horas entre a monumental biblioteca –onde existe un diccionario galego donado por Tolkien, que consultara nel sonoridades para nomear personaxes e lugares de O señor dos aneis– e os pubs obreiros nos que cantaban os broncos inmigrantes pakis, xamaicanos e irlandeses.
Candidato ao premio Nobel polos escritores galegos, Ferrín exerce unha enorme influencia como profesor, intelectual e escritor sobre varias xeracións, que propiciu o termo ferriniano coma unha clave cómplice dunha maneira de situarse no mundo intelectual galego. Séxase ferriniano ou non, ninguén dubida de que é a referencia máis erudita da literatura galega actual.
Hai uns anos, paseando con Ferrín pola Serra do Galiñeiro, na que o escritor gardaba daquela un cabalo hunter irlandés chamado Tango, comenteille que existe a sensación de que algunhas das súas fantásticas aventuras políticas quizais lle tiveran escamoteado o respecto que Ferrín podería infundir nun acontecer máis real. "Pode ser, pode ser…", respondeume. Seguramente sexa ese o Ferrín verdadeiro que abrangue con sentido todas as súas atractivas personalidades e a quen os académicos galegos viron como o capitán necesario nun momento histórico difícil.

COMPARTIR
 
 
 
galería: grandes fracasos de hollywood

  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
galería: los globos de oro, en imágenes

  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009