S. R. - PONTEVEDRA
Seica os bos amigos deberían elixirse coma os libros preciosos: forzosamente non poden ser moitos senón escollidos, coñecidos de anos, imprescindibles. Como bos bibliófilos, Filgueira Valverde e Otero Pedrayo escolleronse con tino e logo foron dando conta da súa amizade en centos de cartas que agoran aparecen na obra "Epistolario de Xosé Filgueira Valverde e Ramón Otero Pedrayo".
Son en total 299 cartas e tarxetas asinadas entre os anos 1927 e 1976. Salvo sorpresas, trátase da totalidade da correspondencia que intercambiaron os intelectuais. A súa publicación pecha os eventos programados co gallo do centenario do nacemento de Filgueira Valverde, que foi fundador e director do Museo de Pontevedra, onde se presentou a obra.
As cartas pertencen os arquivos da Fundación Penzol de Vigo e do Museo e a súa compilación e transcripción correspondeu a María Jesús Fortes Alén, arquiveira do Museo de Pontevedra. Ésta incidiu en que "a temática é moi diversa, compartiron moitos traballos, por exemplo na Academia Galega, tamén publicacións, proxectos no Seminario e moitos tipos de intereses, pero tamén se fala nelas da familia e dos sentimentos".
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, é o autor do texto introductorio do epistolario e un dos representantes da cultura galega que onte se deron cita en Pontevedra na presentación da obra, un acto no que exerceu como anfitriona a vicepresidenta provincial, Teresa Pedrosa, e ao que tamén asistiron o escritor e director de Galaxia, Víctor Freixanes, o vicerreitor da Universidade de Vigo Ramón Area e o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez Rivera, entre outros. E entre os asistentes, familiares de Filgueira Valverde e estudiosos como Alonso Montero.