REDACCIÓN - VIGO
Caixanova prepara para principios do ano 2010 unha gran mostra que recolla de xeito fiel o labor artístico de Luis Seoane. Comisariada por Carlos L. Bernárdez e Fernando M. Vilanova, a exposición fará especial incidencia nas diferentes épocas, relatos, significacións figurativas, influencias e compromiso do artista ao longo da súa traxectoria. As salas de exposicións de Caixanova en Vigo, Pontevedra e Ourense acollerán esta mostra coa que a caixa rende unha homenaxe a un dos intelectuais máis representativos da cultura galega no centenario do seu nacemento. Nela reuniranse pezas cedidas polas principais pinacotecas da comunidade, como o Museo Quiñones de León de Vigo, a Fundación Luis Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña e a Fundación María José Jove, e tamén por particulares e a Colección Caixanova.
Fillo de emigrantes, Seoane naceu en Bos Aires o 10 de xuño de 1910, onde residiu ata os seis anos, cando os pais retornan á Coruña, cidade na que faleceu en 1979. Polo propio feito do seu nacemento na diáspora, así como polo seu traballo como artista e intelectual comprometido no exilio desde 1936, de novo en Bos Aires, a carón do máis selecto da nosa intelectualidade, como Castelao, Dieste, Núñez Bua, Lorenzo Varela ou Arturo Cuadrado, converteuse nun representante senlleiro da emigración galega.
A súa obra, caracterizada pola heteroxeneidade, vai xuntar dúas fórmulas ás que manterá fidelidade: a memoria ao seu país de orixe nos conceptos positivos da tradición, entendida esta como herdanza consanguínea e homoxeneizadora dun xeito de sentir e de resolver, e a vontade cosmopolita e de modernidade, inherente a unha formación intelectual de grandes inquedanzas.
O froito é unha obra cargada de humanismo, cun grande abano de formas e materiais, e coas xanelas abertas ao progreso e aos valores que poden enriquecernos. Seoane tratou todos os eidos da produción cultural: debuxante, muralista, editor, gravador, pintor, poeta e ensaísta, editor radiofónico ou deseñador industrial.