MAR MATO - VIGO
Hai xa moitos anos, o lingüista Xesús Tusón, profesor de Lingüística na Universidade de Barcelona deixaba claro no libro Mal de linguas que "non hai ningunha lingua que sone mal" senón que son os prexuízos lingüísticos os que levan a emitir xuízos de valor sobre un idioma en detrimento doutros. Na devandita obra, Tusón radiografiaba a situación das linguas sen Estado da vella Europa, falando do autonoxo, da imposición do poder á hora de fortalecer unha idioma nun territorio así como da etnofobia.
Para vencer con estes atrancos que sofre o galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística lanzou a campaña "Bocaberta" que ata o mes de Nadal chegará a 15.000 nenos de 43 concellos de toda Galicia.
Desde onte e ata o venres, recala en Vigo onde espera chegar a máis de 1.200 cativos. Alí, no Verbum, na Casa das Palabras, pódese gozar coa montaxe narrativa-musical de "Contos para falar" da Editorial Rodeira baixo o título A fantástica viaxe de Patri.
O fin é dar a coñecer a historia de Patri, unha rapaciña que tiña un can e á que lle gustaba ir á escola. Un día, a súa avoa, que fora vivir unha tempada cos pais, lévaa xusnto cuns amigos na procura dun trasno para que este lles desvele o segredo de onde se atopa un tesouro.
Tras montar nun tren e nun chimpín exprés, os nenos do conto e os nenos do Verbum co seu maxín deron co trasno quen lles descobreu a realidade do tesouro.
Con cancións para facer participar ó público novo, o contacontos e o músico convidaron ó escenario a Nicol para revelarlle a ela o segredo do trasno. "Ti es o tesouro", puido oír a pequena así como o resto do público que facía que tapaba as orellas. Velaquí a moralexa do conto: "O maior tesouro que teñen as linguas son as persoas".
Minutos antes, nun dos corredores, o tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez –que ó chegar tarde á representación interrumpiu a narración para saudar ós nenos– trataba precisamente este asunto ó sinalar que "a nosa lingua é un tesouro que hai que potenciar desde todos os ámbitos da vida cotiá".
Ó remate da actividade no Verbum, os nenos recibiron un CD coas cancións da obra e un libriño con contos.