A política lingüística que o PP ven aplicando dende a súa chegada á Xunta, hai apenas seis meses, segue a levantar polvareda entre os defensores do galego. Ao incesante goteo de novos colectivos a favor do idioma unirase, esta mañá, a celebración, en Santiago (12.00 horas, Alameda), dunha multitudinaria manifestación convocada, precisamente, por unha desas novas plataformas, Queremos galego, pero á que tamén teñen confirmada a súa asistencia os literatos Avelino Pousa Antelo, Teresa Moure, Manuel Rivas e Bernardino Braña; o teólogo Andrés Torres Queiruga; a gaiteira Susana Seivane e o dramaturgo Manuel Lourenzo, entre outros persoeiros.

Queremos Galego é a plataforma convocante da manifestación, e tamén, a máis numerosa, pois engloba a 447 entidades sociais e máis de 3.000 persoas baixo o denominador común de esixir ás institucións públicas que non tomen medidas "que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito". O colectivo, no que participan A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG, o BNG, Esquerda Unida, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou fundacións coma Castelao e Pedrón de Ouro, entre outras, constituiuse formalmente o pasado 14 de xullo. O seu portavoz e vicepresidente de A Mesa, Fran Rei, lembra que Galicia ten "unha lingua propia, orixinaria, sinal de identidade colectiva, patrimonio inmaterial e irrepetible". Na mesma liña, o director da revista "Retranca", Kiko da Silva, reclama o "dereito a loitar para que o galego non desapareza" e lamenta que as viñetas de Castelao sobre caciques e perseguidores do idioma "estean de actualidade". "Se perdemos o humor galego perderemos un xeito de entender o mundo que é único", considera Da Silva, quen anima a "vivir en galego na era das novas tecnoloxías". "É preocupante que, por cuestións que van máis alá do significado dunha lingua, un Governo teña prexuizos", conclúe.

Galego, Patrimonio da Humanidade, plataforma que tamén conta co respaldo de persoeiros de diferentes ámbitos da sociedade galega, coma os deputados do PSdeG Francisco Cerviño e Xaquín Fernández Leiceaga, a ex conselleira de Educación Laura Sánchez Piñón, o escritor Suso de Toro, os sindicalistas Antonio García e Ricardo Torres de UGT e Jesús Penedo de CC OO, reuniu máis de 5.000 apoios dende a súa creación, o pasado mes de xuño. A iniciativa que o vindeiro 14 de novembro celebrará "un acto de reflexión en defensa do galego" en Santiago–, aboga pola "restauración do consenso" e a "defensa do marco normativo dos últimos 26 anos", segundo explica un dos seus portavoces, Agustín Bahamonde, quen atribúe a "ofensiva contra o idioma" da Xunta a unha intención do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, por "agradar a Madrid". "É ben sabido por todos que o señor Núñez Feijóo ten aspiracións fóra de Galicia para ascender no PP", sinala. Pola súa banda, outro dos simpatizantes de Galego, patrimonio da humanidade, Henrique Monteagudo, enmarca a plataforma "fóra de calquera afán exclusivista ou de monopolio da defensa do idioma" e pide que a manifestación de hoxe sexa "unha expresión de toda a pluralidade" que hai na sociedade. Monteagudo tamén critica o "conflito" creado arredor das linguas que xenera "dúas Galicias en pararelo", e lamenta a dobre moral da Xunta e de Galicia Bilingüe, ás que acusa de "esgrimir o bilingüismo e o dereito a decidir" mentres defenden "o monolingüismo en castelán" e aplican ese dereito "só para algunhas cousas".

Oficialidade

Prolingua é un dos últimos colectivos constituidos para a defensa do galego. Definido como "apartidario" e "plural", os seus obxectivos pasan pola consecución da oficialidade real do galego e a súa normalización en ámbitos ata agora excluidos coma a empresa, a xustiza ou os medios de comunicación. Arredor de mil persoas asinaron xa o seu manifesto fundacional, que se pode suscribir a través da páxina web da plataforma –www.prolinguagalega.org–. O único requisito para pertencer ao grupo é o compromiso coa lingua galega e a defensa da súas utilización tanto no eido público coma no privado. "A lingua galega é o máis preciado patrimonio inmaterial do pobo galego. É o único que nos identifica co que somos, galegos e galegas, e o que nos dá lugar neste mundo", resalta o manifesto, que conta co respaldo de persoeiros de ideoloxías tan dispares coma Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira ou Rafael Cuíña, fillo do ex deputado, conselleiro e secretario xeral de PPdeG, Xosé Cuíña. "Hai grupos de presión contra o idioma coma Galicia Bilingüe, que eu considero antigaleguistas, que o están a atacar", subliña Cuíña, quen afirma que Prolingua pretende erixirse "en favor do galego e non en contra de ninguén".

Cambia Galicia, colectivo, promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, quere desmontar os prexuizos existentes en torno ao idioma de Galicia "e facer agromar un sentido de orgullo polo propio de forma creativa", explican os seus responsables. Para levar a cabo este obxectivo, utilizan ferramentas coma o diálogo, o teatro na rúa ou a música. De feito, os pasados días 18,19 e 20 de setembro, a plataforma organizou unha curiosa iniciativa para defender o galego, consistente nunha marcha entre os municipios de Ribadeo e Mondoñedo, en Lugo, "falando coas persoas de forma informal e tamén de xeito máis organizado, nas vilas do camiño".