I. ENRÍQUEZ - VIGO
A editorial Galaxia, xunto coa Consellería de Cultura, inaugurou onte no museo Vérbum a exposición "Ramón Piñeiro: olladas no futuro", dedicada ao ilustre escritor e político lucense homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. Nesta mostra preséntanse escritos, cartas, fotografías e efectos persoais do intelectual, nun afán de honrar unha vida de dedicación e loita pola cultura e o idioma galegos.
"É un percorrido pola vida e obra de Piñeiro, todo adornado con imaxes e citas dos feitos históricos máis importantes da nosa historia e que rodearon a figura do escritor", explica Carlos Fernández, un dos comisarios da mostra.
Neste caderno de bitácora tamén se pode observar a recreación da emblemática mesa braseiro pola cal pasaron moitos dos persoeiros máis destacables da cultura e política galegas.