SELINA OTERO - VIGO
Levan dous meses de xira por toda a xeografía galega arrastrando con eles unha procesión de coches e gruppies tipo romería que acaba rompendo toda previsión do aforo calculado polas comisións de festas. Son, sen dúbida, o fenómeno do verán, con máis de sesenta actuacións concentradas en oito fins de semana en vilas de A Coruña, Pontevedra e Lugo, principalmente; cun caché e unha ovación que en nada envexa á París de Noia, á Olympus, a Carlos Baute ou a Coti. A revolución de Mucha e Nucha víuse multiplicada polo efecto Luar (coas súas actuacións de cada venres na TVG), non obstante, estes personaxes xa teñen sete anos de vida, por escenarios de festas, teatros, pubs e locais sociais. O segredo do éxito: a retranca, o dicir sen querer dicir, o rexoubeo. En definitiva, o traslado desde a cociña ou o sobrado ata os escenarios e as pantallas de conversacións con moita sorna: diálogos dun imaxinario galego máis que real. Elas son Mucha e Nucha e atraen a públicos de todas as idades. Os seus chistes, a través da mirada do rural, fan rir a “aldeáns” e “urbanitas”. Sen distinción de clases, sen reparo e sen complexos.
–Criadas na misma casa, na casa da Conexa, unha foi á escola e outra non. ¿Por qué Nucha sempre corrixe a Mucha?
–Mucha (José Touriñán): É que ela estudiou ata sexto, porque valía pa estudiar. Eu coñezo moitas palabras pero non sei moi ben onde poñelas. Confúndome. ¿Entendes?
–Nucha (Marcos Pereiro): Ela sempre quixo estar cas vacas e na familia sempre o respetamos. Dáselle moi ben a agricultura.
–Dáselle mellor que o inglés.
–M: É que me trabo. Aos estranxeiros haille que falar berrando, coma se foran sordos, porque así entenden mellor.
–N: Eu aprendín inglés nun curso CCC. En tres meses listo, cun walkman e deféndome ben. Sen problema.
–Mucha, ¿por que acabas dicindo o que non queres dicir?
–M: Porque as palabras sáenme do estómago e véñenme á boca antes de pasar pola cabeza. Miña irmá sempre me di que teño que ir ao xinecólogo ou ao oculista. Xa non me acordo.
–N: Pobriña. Eu trato de protexela pero sempre me fai pasar vergoña. Un desastre.
–¿Non tedes máis roupa que esa? ¡Sempre levades a mesma!
–M: Porque é a roupa de traballar e ata que non se gaste non se pode comprar outra. Os venres botámola para lavar.
–N: Esta é a roupa de faena, a de gala é para vodas e festas.
–¿Ides algo á perruquería ou tedes unha interminable trenza debaixo das pañoletas?
–M: Eu vou á perruquería cando teño unha voda ou un bautizo e fago un recollido. Hai pouco fixen a permanente, pero non me convence moito.
–N: Eu tamén fago recollidos. Encántanme.
–¿Cales son os vosos actores preferidos?
–M: Chuck Norris, Alfredo Landa, Paco Martínez Soria e Mackaulay Culkin, o de ‘Solo en casa’. É noviño pero gústame igual, é moi simpático.
–N: Bruce Lee, Leonardo DiCaprio e toda a saga de Superman. Bueno, tamén teño un póster na habitación do Duque e gústame Martiño Rivas, anque sea moi novo para unha muller coma min.
–¿Onde mercades, na feira ou nos grandes almacéns?
–M: Depende. En todos os lados. No feirón e máis no Corte Inglés. Tamén en Inditex, que teñen unhas zapatillas retro agora de cadros que nos van moi ben. Tamén teño un traxe do ano 92 para as bodas, precioso, de gala. Somos consumistas.
–N: Si, gústanos moito gastar. Eu, a roupa interior na feira, claro. As semillas nas tendas de agricultura e a tecnoloxía nos grandes almacéns.
–¿Dádeslle algo á mamá Conexa?
–Ambas: Algo pero pouco, que nós queremos ir á discoteca e gastar en roupa e ela é das que esconde os cartos na viga. Non entende a nosa vida nin o éxito. Emociónase, chora moito e molla as zapatillas.
–¿Que ledes?
–M: Eu miro as fotos namais, que non vexo ben e as letras fanme mal nos ollos.
–N: O semanal dos domingos, a Hola, a Cuore. Gustaríame ser coma a Obregón ou a Pantoja.
–¿A onde vos gustaría ir de vacacións?
–M: Ás Cíes ou a un safari a África, de caza.
–N: Ao Courel ou a Xapón, que alí pega ben o noso look.
–¿Cal é a vosa palabra preferida en galego?
–M: foguete.
–N: bolboreta e uralita.
–¿A que concurso da tele iríades?
–M: Eu á illa esa dos famosos, comer bichos, pescar e facer lume e esas cousas.
–N: Eu prefiro Guaypout.
–¿Viviríades na cidade?
–M: Non, non. Coma Ardebullo non hai nada. Na cidade a xente non se preocupa unha da outra, non lle sabe a vida. Nós temos todo controlado e con Internet non nos falta nada.
–N: Non. Nunca entendín o de vivir uns encima dos outros.