XOSÉ RAMÓN PENA
Nunha longa carta a Rodolfo Prada, datada no 10 de abril de 1947, Castelao significa que: “… os nosos irmáns do interior, como tódolos moradores da Hespaña franquista, foron envenenados polo morbo anglo-prietista ou polo soviético, preferindo, como é natural, o que lle ofrece a liberación máis a curto prazo e con menos violencia. Os socialistas exiliados foron minando a vontade dos republicanos até sometelos á súa claudicación ou vacilación, dicindo que no exilio soamente se debe servir o mandado das forzas do interior, e con isto non soamente se servía o interese monárquico propugnado polo Foreing Office, senón que se deixaba de cumprir a sagrada misión dos desterrados españois”.
É dicir; fiel seguidor até o derradeiro minuto da legalidade republicana, o autor de Sempre en Galiza denuncia unha manobra política cuxo obxectivo é, xustamente, desacreditar o goberno Giral, primeiro, e aínda o seu sucesor, o gabinete presidido polo socialista Rodolfo Llopis (febreiro-agosto de 1947). Paradoxalmente –ou non tanto, se observamos o conxunto da súa traxectoria–, un dos principais detractores do novo ministerio vén ser un compañeiro de partido de Llopis: Indalecio Prieto, grande impulsor do programa da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas e firme partidario dun entendemento cos monárquicos, auspiciado pola Gran Bretaña.
O interior fronte ao exterior. Xoán Xosé Pla
A convenciencia/ inconveniencia de contar coa participación do Partido Comunista conforma un dos elementos constantes nas reviravoltas da oposición anti-franquista durante a II Guerra Mundial e tamén, desde logo, unha vez concluída esta e conformdos os dous grandes bloques –occidental e socialista– enfrontados na denominada “Guerra Fría”. Pois ben; xa en 1942, en Montauban (Francia), constituíuse a Unión Nacional Española (UNE) cuxos obxectivos inmediatos eran a loita contra a ditadura de Franco e así mesmo o combate contra a ocupación nazi de Francia. Finalizada a contenda mundial, a UNE –dentro da cal, á súa vez, se integraba o Frente Libertador Gallego, fundado en outubro de 1944– continuou a súa actividade na busca de organizar unha plataforma multipartidaria dentro da cal a forza comunista cobrase singular relevo.
Non obstante, cando se produce a viaxe de Ramón Piñeiro e García Durán a Francia, marzo de 1946, o P.C., procurando non quedar illado no conxunto do exilio, decidíse pola disolución da UNE e mais pola conformación dunha nova plataforma: o BNRG (fins de 1945) –Bloque Republicano Nacional Galego– entre cuxos obxectivos estaba a conformación dun Consello Xeral de Galiza que mesmo fose capaz de competir, no caso de non acadar integralo, co Consello de Galiza, presidido por Castelao.
Desde esta nova posición, os comunistas negociaron a súa presenza no goberno republicano. Se ben que a figura a destacar vai ser sempre a de Enrique Lister (1907-1994), por mor de motivos estratéxicos, van apoiar ao liberal centrista M. Portela Valladares (1867-1952) como candidato a formar parte do gabinete Giral, xustamente no lugar que logo viría ocupar efectivamente Castelao.
De Xoán Xosé Pla (1906-?), farmacéutico nacido en Viveiro, ben poucas cousas coñecemos polo momento. Organizador das Milicias Gallegas, en Madrid, exiliouse na localidade francesa de Montauban onde intentou organizar unha Irmandade Nacionalista que foi recoñecida polo galeguismo do interior como a representación nacionalista en terras francesas.
Con semellante bagaxe, Pla, personaxe novelesca onde as haxa, intriga e informa aos uns e mais aos outros. Da correspondencia conservada, sabemos que actuaba como verdadeiro axente dos vascos –aos que lles enviaba puntuais informes-, pero tamén estaba ao servizo do Partido Comunista e aínda en contacto directo co galeguismo do interior. Había alguén máis na lista? En todo caso, do que non cabe a menor dúbida é da súa animadversión contra Castelao –ou, polo menos, contra o feito de que Castelao sexa nomeado ministro.En carta ao propio Piñeiro –datada no 3 de abril de 1946– dille a este: “Se o ministro fora o Sr. Rodríguez Castelao, debo indicarche que me sería grato me relevásedes de toda obriga de colaboración directa”; ao tempo, Pla recela da xestión levada adiante, a favor da candidatura do de Rianxo, por parte do lehendakari Aguirre: “…ninguén podería impedir que sexamos unha colonia vasca e, ´por dessus de marché´, unha colonia anglo-americana-vaticanista: e isto non pode ser…”
Da súa parte, Castelao tampouco parece, precisamente, admirar ao de Viveiro: En carta a Rodolfo Prada -7 de decembro de 1946- lemos: “… antes de deixar Bos Aires, recibín un cable de Irujo preguntándome se me interesasba que Pla estivera en París cando eu chegara. Non respondín a este cable porque xa vin que Pla quería ser o meu secretario e eu teño a Pla por un intrigante…”
A detención de Piñeiro
“… Sentei onde o fixeramos en días anteriores e púxenme a ler o xornal. Foron chegando Oto, Manolo, Morell e Penedo (…) Cruzamos o café, saímos, e cando estabamos no medio da beirarrúa, arrodeáronme catro policías coa pistola na man”.
Velaí un dos parágrafos nos que García Durán relata a súa detención en Madrid, á saída do café Pidux, situado en plena Gran Vía, na tarde no 9 de abril de 1946. Piñeiro –o Penedo do relato de García Durán– escribe, da súa parte: “…Ao pouco de chegar, a eso das sete da tarde, presentouse alí un militante da CNT, que nos confesou que levaba todo o día fuxindo da policía (…) Aproveitando a confusión, Juan García Durán, galego da CNT, botouse a correr pola Gran Vía e logo, acosado pola policía, pegou un salto cara ó centro da rúa, e tratou de fuxir, pero disparáronlle e deixárono ferido no chan”.
En todo caso, como resultado daquela acción e como, doutra parte, é ben sabido, Ramón Piñeiro foi detido,xulgado e condenado. Agora ben: descoñecemos aínda, no momento presente, datos fundamentais: que acusacións foron as que se lanzaron contra el; quen foi o avogado defensor; cal o contido da sentenza… en fin, todo o sumario da detención.
Doutra parte, segundo relata o mesmo Piñeiro, en ningún momento foi obxecto de torturas por parte da policía franquista. En Da miña acordanza, o de Láncara atribúe tal feito ás xestións dos vascos diante da embaixada norteamericana. Porén, no informe que Joseba Rezola lle envía a X.X. Pla indícas que: “Nos dicen también que sus paisanos han pasado una nota a la embajada inglesa dando cuenta de la detención de Santiago (Piñeiro) y los hermanos Saco. Han recibido respuesta de la embajada en el sentido de que ésta ha considerado los casos y que ha intervenido cerca de los medios competentes habiendo logrado las debidas garantías de que no serán maltratados”.
Fosen, daquela, americanos e/ou británicos, o que semella claro é que a protección da que gozaba Piñeiro –mediante as xestións dos vascos e da propia Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas– veu impedir a agresión física contra el. Dito doutro xeito: até que punto Piñeiro viña ser unha especie de axente anglo-saxón naquela conxuntura?
Do que non cabe dúbida é das ben diferentes interpretacións do acontecemento. Os dirixentes da ANFD que se enfrentaran con el no seu día, non dubidaron en acusar a García Durán –rocambolescamente fuxido da policía– de vir ser un confidente dos axentes franquistas: ao cabo, unha información que chega onde o propio Afonso R. Castelao, quen nunha durísima carta dirixida a Rodolfo Prada (10-IV-1947), chega a declarar: “… pero se quixeran cargar (refírese aos membros do Partido Galeguista no interior) na miña conta o sufrimento e prisión dos tres irmáns lucenses (Piñeiro e os irmáns Saco), eu diríalles que caeron nas poutas da policía por andaren en malas compañías”.
Desfeita final
Nin unha estratexia nin tampouco a outra. Como declararía, cheo de amargura, Indalecio Prieto, a actitude das potencias occidentais veu ser, ao cabo, esa mesma que mantiveran durante a Guerra Civil: non facer absolutamente nada concreto, o que, en realidade, equivalía a deixar libres as mans de Franco e atar, con cadeas de ferro, esoutras da legalidade republicana. Dubindando sempre das posibilidades dunha oposición incapaz de artellar unha alternativa sólida e monárquica, os británicos coidaron que o franquismo resultaba o mal menor para os novos tempos que se deliñaban. Canto aos americanos, a pesar do seu apoio aos vascos e mais á República, os intereses globais –unha península Ibérica controlada e anti-comunista- venceron calquera sorte de moralidade. Por dicilo en prata –en prata americana-: “O.K. Franco is a bastard, but… he´s our bastard!”.
Queda moito por contar aínda acerca da “verdade do caso Piñeiro”. Porén, o noso relato ha de finalizar aquí e agora. Abertas quedan as portas.