ANA ABAD DE LARRIVA - VIGO
Foron cepo de galgos, pano de bágoas e brazos para a seitura. Compañeiros nos días de tristura, nas noites de esperanza que segaron na herba mollada das leiras galegas. Deixaron tamén estrelas afogadas na fonda cunca dos ollos co sacrificio da filla de Don Martiños. Cantaban no "Lobo" que entrando en terra de soños ían os soños cantando, e así, case dúas décadas despois dun tépedo silencio, Fuxan os Ventos voltan para introducirnos niso, nunha Terra de Soños, un espectáculo de repaso dos temas da súa discografía, moitos xa mudados en himnos dos que viven de pé onde brúa o alto mar. E a Vigo, unha cidade de bravas ondas, e "un escenario único en Galicia", Castrelos, como recoñece o seu guitarrista Xoán Fuertes, traen mañá ás dez e media da noite unha desas únicas tres citas –e tres citas únicas – para disfrutar dun dos seus máxicos directos. "Debemos moito a esta cidade, na que hai xa vinte anos que non tocamos". Só Ferrol a finais de mes e Lugo no San Froilán poderán ouvir a súa canción para adurmiñar a lembranza, que resoa tan alto como o son da Pandeirada de Outes e as sabas retorcidas da lavandeira.
Deron unha sona até entón impensable ao lagarto pintado na saia da Carolina e a súa sementeira trocou a desolación nun limpo e claro alborear. Descubriron que a outra Carolina se lle gustan os homes é pola gaita. Pero, como ben lembra o seu guitarrista Xoán Fuertes, tamén converteron a nana para un amante e a canción de berce en arrolo para fillos, queridos, mulleres e compañeiros, as noites de treboada e pestana mollada. E o romance da Rufina ergueu os pelos de máis dun antebrazo.
Os mestres dos dobres sensos, retrancas e demáis armas non violentas contarán mañá para a cita en Vigo con catro invitados de luxo. Unha sorpresa que só se poderá vivir de primeira man na cita olívica. Anuncia Xoán Fuertes que Rodrigo Romaní fará soar a arpa en dous temas. A cantante Uxía porá voz a outras dúas pezas e Miguel Lustres será o acordeonista do "estraperlo", neste contrabando de perlas musicais. Sabela, que pasou polo grupo aló polos setenta, fará as partes recitadas de "Cantiga de berce" e de "Brazos pra seitura". Os vellos laian e os nenos berran porque como os propios Fuxan recoñecen, son xa voces dos fillos e os netos de aqueles que ían aos seus concertos e loitaron pola súa verdade. "Agora abranguemos un sector moi amplo de seguidores".
Despois de que saia o DVD coa esencia da Terra de Soños, que gravaron o pasado outono no Auditorio de Galicia en Santiago, xa pensan, "con calma, iso si", en sacar novos temas. É que xa din eles que a música é para eles unha afición e non un traballo. Un canto para a liberdade.
Fuxan os ventos dos agoreiros, dos vinculeiros, de tempos vellos. Fuxan os ventos máis forte. Xa están. Velaí veñen. Dum, dum, petan á porta.