MAR MATO - VIGO
No vindeiro 2010, cumprirá 40 anos e no seu véspera a organización decidiu adicar a presente edición a Galicia e á súa música como convidadas de honra. Desde este venres, día 31, e ata o 9 de agosto, o Festival Intercéltico de Lorient (na Bretaña francesa) acollerá a edición número 39 do evento de música celta máis importante do continente despois do Celtic Connections que se celebra en Glasgow.
Na cabeceira do cartel, Carlos Núñez xunto a Goran Bregovic e Misia. O gaiteiro galego presentará nun escenario que lle é familiar dende hai tempo a súa última creación, Alborada de Brasil. Ademais del, a representación galega contará con Susana Seivane, SonDeSeu, Berrogüetto e Crema de Gaita. Como engadido, Lorient tamén choutará ao son de Xacarandaina, Pradairo, Agrupación Moxena e a Banda de gaitas Airiños de Fene, Fía na Roca, Licor Kafé, Cristina Pato, Isga Collective, Lulavai e Faltriqueira.
As actuacións destas bandas e solistas galegos desenvolveranse na Noite de Gala de Galicia, na programación oficial do evento así como no Pavillón Galego. Este último, instalado coa participación de Turgalicia, mostrará aspectos da cultura popular de noso, ademais dos produtos turísticos como o Camiño de Santiago (este último a través dunha mostra fotográfica sobre a ruta), un bar con degustacións, tenda e exhibicións artesanais relacionadas co mar.
Pola súa parte, a Noite de Gala desenvolverase no Grand Theatre de Lorient o luns 3 de agosto. No escenario, un espectáculo de luxo a cargo de Berrogüetto e dos 55 integrantes de SonDeSeu, esta última, a orquestra folc do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios.
Anxo Pintos, de Berrogüetto, explica que a actuación será "especial" xa que se ofrecerá un concerto "semiacústico. Será o máis parecido posible ao son real dos instrumentos. Só certos instrumentos levarán amplificador para que a xente os aprecie mellor".
As credenciais coas que acoden Berrogüetto e SonDeSeu non poden ser mellores. Na web do evento, a propia organización recolle que "a enerxía liberada por esta orquestra descobre unha mensaxe de harmonía e ledicia, unidas ambas as dúas a unha presencia escénica dignas dos máis grandes".
Crema de Gaita, pola súa parte, actuarán o mércores día 5; mentras que Carlos Núñez (considerado polo Festival como "o embaixador musical de Galicia) e os seus convidados –Lenine do Brasil e Lann-Bioué– farano o xoves a partir das dez da noite.
Na recta final do Intercéltico, Lorient recibirá cos brazos abertos a outra virtuosa da música galega. Susana Seivane ("a princesa da cornemusa galega") pechará a noite xunto aos Groove Boys (grupo atípico que reinterpreta os clásicos dos 80). A clausura do festival, será na xornada seguinte coa confrontación de músicos polo Trofeo Paysan Breton e coa actuación da Merzhin Moon Orchestra. Máis información en www.festival-interceltique-2009.com.