Tras case oito anos sen ofrecer un concerto de presentación en Vigo, a cantante Uxía chega hoxe ao Teatro Caixanova da cidade olívica con ganas de deixar pegada “cun espectáculo que poida quedar na memoria”, sinala.

Partindo da tradición e das atmósferas do seu lugar de orixe, Galicia, o seu último traballo, Eterno navegar, reinventa e personaliza os sons que a relacionan con países como Portugal, Brasil ou Cabo Verde. “Neste disco tratei de reproducir o ambiente atlántico co contacto destes territorios de fala portuguesa”, explica. “A vida foime brindando a oportunidade de entender que somos unha identidade común e unha sonoridade única”, engade.

A presentación de Eterno navegar en Vigo será esta noite a partir das dez e media, nun concerto enmarcado no ciclo Música Babel. O público vigués gozará dunha Uxía renovada, “con cousas novas, co pouso da experiencia e con novos rexistros interpretativos”. Ademais de presentar este disco, fará unha retrospectiva dos temas máis característicos da súa carreira musical, que se acompañarán coas fotos realizadas polo fotógrafo Quim Farinha.

En cada traballo experimenta para ofrecer algo novo que non teña a mesma fórmula que os traballos anteriores. “Achegándome ás miñas vivencias persoais, a vida vai brindándome esas cancións que poidan sorprender dun xeito natural”, asegura.

O mar, a viaxe, a soidade, a travesía, a navegación, a contra corrente, o canto ás mulleres persistentes... As aventuras de Uxía vese reflictidas neste traballo cunha “linguaxe de futuro”.

“O máis característico é que trato de cantar dende adentro, dende as entrañas. Se hai algo que me pode identificar é a transparencia dos sentimentos”, declara. “A voz é un instrumento transparente para amosar os nosos sentimentos”, engade.

Premio da Música

Recentemente a cantante Uxía fíxose co Premio da Música á mellor canción en galego polo tema Rumores de falúas. “No fondo vén a ser un recoñecemento a anos de traballo, que dediquei á investigación, un traballo minucioso. Estou moi satisfeita co público e coa crítica”, asinte.

Para esta galega o mellor premio é que a xente participe nos concertos e compre os seus discos.

Uxía percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos, conxuga á perfección o compás dos tambores coas doces melodías galegas e funde o fado, o alalá e a morna.