Catorce táboas e dúas escaleiras nunca deron tanto de si: un andamio dun rañaceos, un cine, un bar... É o que Quico Cadaval denomina como “maxia teatral”, ese prodixio da imaxinación que permite mudar de escenografía. Os encargados de facer os equilibrios, os actores Víctor Mosqueira (unha das metades de Mofa e Befa que o pasado ano se levou o premio María Casares a mellor actor por esta obra), Marcos Orsi e Borja Fernández, que representarán no Teatro Caixanova de Vigo o sábado “Obra. No comment”, a última produción de Cadaval como director.

A peza lévanos ao Manhatan dos anos 20, de cheo na febre de construción de rañaceos. Nun deles, coinciden tres emigrantes metidos a obreiros da construción. Por un lado, atópase Loló, francés procedente de Marsella, o máis desagradable do grupo. Xunto a el, Cracovia, un novato polaco que se pasa o día a observar; e completando o trío Pernambuco. Este último é o máis optimista, o máis soñador. Chegado da Guiana francesa na fronteira con Brasil, soña con atopar o seu amor e para saír ao seu encontro encántalle acudir aos musicais aínda que quede de porta para fóra por non ter diñeiro.

Os tres falarannos de amor, ilusión, de todo o que se lles pasa pola cabeza no andar 81 mentres lanzan piropos ás mulleres que imaxinan, cuspen os peóns da avenida desde a vertixe do ceo ou comen os seus preparados alimenticios especiais.

Ante todo comedia con algún que outro engadido de drama poético e algún que outro susto no público polo perigo que corren desde tanta altura nunha escenografía de fondo azul cambiante como o ceo dun día de 24 horas.

“Obra. No comment”, sen embargo, non é unha peza de teatro ordinaria. Sketches intelixentes,reflexións profundas para filósofos, ocurrencias chistosas, escenas de cine mudo, actuacións de claqué a cargo de Marcos Orsi, e tamén moita música, coa que Suso Alonso gañou o María Casares á mellor música orixinal, son as súas bazas coas que leva conquistado a media Galicia.