O primeiro Centro de Estudos Galegos nunha universidade estranxeira comezaba no ano 1991 en Oxford baixo a dirección do hispanista inglés John Rutherford. Menos dunha decena de alumnos daban daquela o paso de matricularse nas súas materias. Dezaoito anos despois, as seccións de galego nas universidades de fóra de Galicia aumentaron de xeito importante chegando no primeiro semestre deste curso a máis de 1.346 alumnos matriculados, segundo a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A cifra equivale á metade dos alumnos do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Sen embargo, non é exacta ao faltaren os datos dalgúns centros de América, cuxos lectores se atopaban de vacacións no momento de reconto realizado por Política Lingüística. Non obstante, é a primeira vez que se fai un achegamento á matrícula real destes centros.

Os máis de 1.346 estudantes que cursan materias de Lingua Galega ou Literatura Galega nos centros de ensinanza superior máis alá do Padornelo e do Miño repártense este ano entre os 996 das universidades españolas e os 350 das situadas fóra de España.

Un dos centros onde se imparte o galego e a literatura galega é a Universidade de Varsovia, en Polonia. Alí, Zuza Anczewska -de 21 anos de idade e que estuda tamén vasco, castelán e portugués- explica qué lle levou a iniciarse no galego. “Empecei porque me gustan os idiomas e esta lingua”, explica nunha mistura de galego, castelán e portugués. O seu principal problema, a conxugación dos verbos. “É que aínda non demos os tempos”, excúsase esta moza de terceiro curso de Filoloxía Española. A pesar de ter no seu país unha rexión compartida con outros estados veciños do mesmo nome que Galicia, Galitzia, Zuza Anczewska recoñece que pouco se sabe en Varsovia da nosa comunidade: “Hai un camiño de Santiago que empeza en Polonia; iso é o que a xente sabe de Galicia”.

No pasado mes de febreiro, Zuza realizou a súa primeira viaxe a Galicia e a segunda a España na compaña dalgúns dos seus compañeiros de aula e da lectora de Cambados Ana Somoza quen leva doce anos vivindo na capital polaca.

En Varsovia, ademais de Zuza, outros 18 estudantes máis cursan a materia de Galego ou Literatura Galega. Sen embargo, a universidade de fóra de España con máis estudantes de galego é, curiosamente, a de Zadar en Croacia, con 34 alumnos; seguida dos 30 de Río de Xaneiro e os 29 de A Habana (Cuba) e Kiel (Alemania).

No Estado, a cifra de alumnos por centro varía desde os 35 da Complutense de Madrid ata os 220 de Deusto. A cifra nesta última universidade privada sorprende ata a un dos lectores de galego que dá clases nela, Alexandre Gaiferos. De Melide e con 30 anos de idade, dá a súa razón ao elevado número de alumnos que escollen Lingua ou Literatura Galega como asignatura de libre elección: “Ao ser unha universidade privada non hai tanta oferta de materias de libre elección como nunha pública”.

Testemuñas dun saber

Entre o alumnado, atópanse desde fillos ou descendentes de galegos, estudantes de filoloxías que queren “ter unha lingua a maiores” e alumnos das facultades de enxeñería que precisan os créditos e lles cadran os horarios.

Dous exemplos son Sabela Muíño e Ainezane Cabañes. Ambas as dúas teñen 19 anos e estudan galego. A primeira, de ascendencia galega, estuda Psicoloxía e atopa como o máis difícil da lingua distinguir o b e o v nalgunhas palabras. Para Ainezane, de Filoloxía Inglesa e orixe vasca, estudar galego “é interesante para ampliar os coñecementos”. Recoñece que o que máis problemas lle causan son os artigos, o vocabulario e as contraccións.

Estas últimas tamén se lle atragoan a Nuria Algarra, estudante de 19 anos de Humanidades na Universidade Autónoma de Barcelona quen xa se iniciou na lectura de Rodríguez Castelao. Os poucos meses que leva estudando o galego aínda non lle permiten expresarse con fluidez nel. “É un idioma que me gusta como soa”, sinala en castelán para despois apuntar a súa arela de chegar a dominalo.