Primeiro, segundo e postre. Para as festas e para os días de traballo. A editorial Ir Indo vén de publicar Máis alá do padal, un libro con máis de 30 propostas para deleitar os sentidos, da man da Escola de Hostelería de Ourense. E unha vez o estómago estea cheo, o corazón quedará máis contento coas risas que propón a obra de humor gráfico Gatos de Moncho Borrajo ou coas historias variadas de Xulio Alonso en De vivos e de mortos, ambos os dous libros de Ir Indo.

Para os amantes do verso, María do Cebreiro coloca nas librerías dúas obras: Non son de aquí con Xerais e Cuarto de outono, esta última na colección de poesía Edoy Leliadoura de Sotelo Blanco, na que tamén viu a luz o poemario Nocturnidade do sal de Alexandre Nerium. Para os amantes dos relatos, a mesma editorial propón Vinte e nove contos de Quim Monzó.

No eido da novela, gran variedade. Alberto Canal presenta en Conexión Tubinga (Xerais) a historia dun seminarista que gosta de Nietzsche e que irá contra a orde que prohíbe a lectura de Existe Deus de Küng. A rebeldía suporá o seu camiño cara o amor e o castigo.

A outra vida do Principiño

Tamén en Xerais, Antoine de Saint-Exupéry -autor d´O Principiño- resucita para intentar fuxir do desacougo dos espreitantes ollos do niño de espías no que se convertira Lisboa nos anos 40, vistos desde o maxín do escritor Xosé Ramón Pena en A batalla do paraíso triste.

Lonxe da novela pero co interese que convida a rememorar a Laxeiro, Xerais propón descubrir con Carlos G. Reigosa a Xosé Otero Abeledo, en Laxeiro por si mesmo. Para quen desexe abrir a mente á reflexión, a mesma editorial destaca da súa librería Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego co que se ofrece un percorrido polo discurso dos principais pensadores galegos.

O éxito do ano en Italia

Cambiando de coordenadas, un dos éxitos italianos do ano leva o nome de Sardinia Blues a cargo de Flavio Soriga, onde se xuntan un ex-heroinómano recén voltado de Londres e un escritor frustrado metido a perruqueiro. Galaxia vén de publicar a obra ao galego ambientada na Illa de Sardeña.

Na mesma editorial, Xesús Constela faille un guiño aos sonetos de autor de Hamlet mentres o protagonista da súa novela Shakespeare destilado engule gin tonics e narra a vida dun amigo seu que vive pechado nun piso, nun mundo que acaba impoñéndose á realidade.

No terreo da ficción, a Editorial Alvarellos vén de rescatar La marquesa de Camba, unha novela histórica do 1848 que foi censurada pola igrexa. Poucos orixinais chegaron aos nosos días desta historia sobre o asasinato no 1366 do arcebispo de Compostela Don Suero Gómez ás portas da Catedral. Alvarellos edita tamén Represión, solidaridade e resistencia antifranquista, libro-DVD coas intervencións das I Xornadas da Resistencia antifranquista na raia.

Pola súa parte, Faktoria K edita Budapest de Chico Buarque; O coitelo sutil de Pullman; A conxura dos necios de Kennedy Toole e a sexta edición en galego de O neno do pixama a raias.

En deseño e arte, a editorial presenta dúas xoias: Cuaderno de viaje. Ecuador no que o autor acompaña unha expedición liderada pola galega Ruth Muñiz pola Selva do Ecuador describindo e debuxando o que van descubrindo.