Desde o ano 2002, Víctor Freixanes recolle o testemuño de Carlos Casares á fronte da Editorial Galaxia, un proxecto cultural que xa leva 57 anos de vida á espera de afrontar os retos do presente e do futuro. O vindeiro 25 de xullo, a firma galega recollerá a Medalla de Ouro de Galicia, concedida polo Consello da Xunta.

- Parabéns, ante todo. Un gran orgullo recibir a Medalla de Galicia.

- A Editorial Galaxia é quen a recibe no recoñecemento de 57 anos de historia e de memoria dos que fixeron posible isto. Foron contribucións históricas como a de Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego ou Isla Couto. Todos eles sabían que non traballaban tanto para o presente como para o futuro. É difícil entender a sociedade contemporánea sen Galaxia.

- Pódese dicir que deu o primeiro paso para o desenvolvemento editorial galego.

- Non só Galaxia, porque desde os anos 70 e 80, floreceron iniciativas editoriais importantes. Galaxia aínda hoxe é máis ca unha editorial. A cultura galega non sería a mesma sen o proxecto de Galaxia.

- Na actualidade, fálase moito dos retos e dos desafíos do sector. Como os diagnostica vostede?

- Recibimos a Medalla como premio dunha memoria histórica pero queremos que sexa un proxecto de futuro. Temos que ser conscientes dos novos tempos. Acabamos de asinar un convenio con Google para dixitalizar todos os fondos históricos da editoria, con 2.500 títulos desde os clásicos, ás obras de coñecemento... que estarán na rede. Unha editorial non só é un sitio para facer libros senón onde se xestionan proxectos culturais. O acordo con Google permitirá ofrecer o escaparate universal da cultura galega pero recaendo a comercialización en Galaxia.

- Deben tender ás alianzas as editoras galegas?

- En Galicia, somos tres ou catro as que vendemos o 80%. A cultura galega ten que ser consciente de que non hai fronteiras, hai que ensaiar fórmulas de federación para desenvolver proxectos. A nosa fórmula non é incompatible con alianzas de participación con outras empresas.