Este verán, ademais de sacar ao can para dar un paseo, quen o desexe pode levar canda el unha palabra. Ou ás rebaixas. Ou a unha desas festas gastronómicas que abondan nestas datas polo país adiante. Este verán a palabra "materializarase". O "milagre" faino a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que argallou un xogo para promocionar o uso do galego que pode consultarse na rede.

Non obstante, este só é unha das accións que promoverá este departamento da Xunta no que será a segunda campaña do actual Goberno en pro da lingua. Baixo o lema "Tócache!", Marisol López presentou onte en Santiago unha serie de medidas que irán "prioritariamente" destinadas aos máis novos, sector que, segundo explicou, "ten amplas competencias en galego, pero no que se detecta un menor uso".

Política Lingüística arrancará a campaña co xogo das palabras encadeadas, no que se basea o anuncio que se publicitará nos medios de comunicación e tamén un actividade lúdica que consiste na construcción dunha cadea de palabras e que se fará real entre o público a través de "A cova", unha instalación multimedia que percorrerá distintos espazos públicos de Galicia.

A esta acción engádenselle outras dúas que se poden consultar na web da campaña, www.palabrasencadeadas.com. Unha delas é a segunda edición dun concurso de imaxes nas que estean capturadas verbas galegas e a segunda, denominada "Palabras con gancho", permitiralles aos internaturas escoller unha verba entre 60 e "convivir" con ela para rematar nunha festa.

A campaña da Xunta non foi ben recibida por A Mesa pola Normalización Lingüística, que pedía onte a súa suspensión e que os cartos se investan en introducir o galego nos ámbitos nos que está excluído. Segundo o seu presidente, Carlos Callón, "sobra propaganda e faltan medidas", xa que "non é posible vivir en galego, mais ese problema non se resolve con propaganda nin autobombo".