P. Mera / A Coruña

Até o de agora aquilo de "hay un gallego en la Luna..." non era máis ca unha canción, pero nunca se sabe. Dous coruñeses intentarán facer realidade a copla e convertirse en astronautas para, se cadra algún día, acabar espetando unha bandeira galega no satélite terrestre. Os aspirantes son dous mozos da cidade que o mes pasado fixeron as probas médicas que a Axencia Estatal Europea (ESA) esixe a todo o que queira optar a algunha das oito prazas de astronauta convocadas na primavera. Esta semana rematou o prazo para presentar as solicitudes.

Ademáis do certificado médico, os requisitos mínimos que pide a ESA a todos os interesados son ter entre 27 e 37 anos, ter algún título universitario (e preferiblemente, tamén un doutorado), dominar o inglés e, se pode ser, tamén o francés ou o ruso. No caso dos dous coruñeses que se presentaron, e que de momento prefiren manter en segredo a súa andrómena, trátase de licenciados en carreiras técnicas que tamén terán que demostrar a validez do seu perfil psicolóxico. E é que na súa web, a ESA tamén destaca que aqueles que acaben ocupando as oito prazas que saca a concurso -catro de titulares e catro de suplentes- han de ter "motivación, flexibilidade, capacidade de traballo en grupo, empatía cos demais e estabilidade emocional".

De feito, logo da primeira criba baseada no currículo, as dúas seguintes fases da selección son senllos exames psicolóxicos. Se os superasen, farían entón máis probas médicas, en centros como o Cima de Madrid, que dispón de cámaras centrífugas e simuladores de cambios de presión, entre outros sofisticados aparellos. Por último, a selección completaríase con entrevistas persoais sobre os postos de traballo.

Só hai tres clínicas en Galicia -unha na Coruña, outra en Santiago e outra en Pontevedra- que poidan expedir o certificado médico de piloto privado, en concreto o da clase 2 JAR-FCL, que é o que pide a ESA como requisito previo para todos os aspirantes a astronauta.

A Clínica Aeromédica de Jesús Nava, na Coruña, foi a única das tres que nos últimos meses recibiu a visita dalgún candidato. "Sempre comentan para que necesitan o certificado, e o mes pasado viñeron dous rapaces da Coruña que querían presentarse ás probas da ESA", di o doutor Nava. Os dous pasaron as probas con éxito e sen maior problema.

Nas probas, que duran uns 45 minutos e inclúen análises de sangue e de orina, os aspirantes a astronauta tiveron que demostrar que tiñan boa vista e oído, que non teñen problemas de corazón, ademais de relatar o seu historial médico e medir a tensión e a capacidade pulmonar. O director da clínica explica algúns dos límites do certificado: "por exemplo, poden ter como máximo cinco diotrías en cada ollo e non debe haber restos de daltonismo. Tamén hai algunhas enfermidades que son excluíntes para obter o certificado, como a epilepsia ou a diabete", di Nava. Os dous coruñeses que soñan con entrar a formar parte da ESA superaron tamén unha das probas "que máis xente elimina": a de drogas."Na ESA, e en xeral en todos os organismos de aeronáutica son moi esixentes co tema das das drogas", explica o doutor. "Pero eles dous estaban limpos", di.