A unión fai a forza e baixo este lema escritores galegos, vascos e cataláns constituíron onte en Poblet (Tarragona) a Asociación Galeusca cuxos fins son "representar, promocionar e defender" os autores que empregan algunha das tres linguas cooficiais.

Esta federación de escritores "centrarase na actuación conxunta fronte a organismos e institucións da administración pública". Ademais, ofrecerá "o impulso da normalización do feito literario nas súas diversas manifestacións e soportes", sen esquecer a función "de representar os intereses de escritores e escritoras, ou aqueles que agrupen as empresas ou axentes que vehiculan a difusión e comunicación da produción literaria en todos os seus xéneros".

A presidencia desta nova federación de escritores terá carácter rotatorio. Para este primeiro periodo de andaina de Galeusca, recaerá en Guillem-Jordi Graells -escritor, tradutor, autor teatral así como director de cine-, por parte dos autores cataláns.

25 anos de historia

A elección de onte como xornada de constitución de Galeusca debeuse a que había 25 anos atrás autores de Galicia, Cataluña e País Vasco iniciaran uns encontros anuais para debatir sobre as súas inquedanzas e necesidades, encontro que levaba o nome de Galeusca.

Por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, expresou no seu discurso en Poblet o desexo de que os propios escritores continúen a difundir as súas literaturas de xeito que "as xentes das nosas nacións poidan aprender a valorar as nosas mutuas realidades nacionais tan deturpadas por tópicos e clichés". Sánchez Iglesias engadiu que "non seriamos nada sen as nosas memorias colectivas", para a continuación lembrar a figura de autores como Espriu, Aresti e Manuel María que "mantiveron na posguerra, coas súas relacións persoais, os lazos de relación entre os nosos pobos e entre as nosas literaturas".

O presidente dos escritores galegos recalcou onte no acto celebrado en Tarragona que o encontro "Galeusca sempre foi unha escola do honesto coñecemento mutuo das nosas realidades nacionais, de ir tecendo unha impalpable fraternidade". Por último, engadiu que "as nosas literaturas son un vehículo de comunicación da nosa normalidade como pobos".