A Federación Galeusca nace tamén coa idea de ter maior presenza nas administracións de España e de Europa, e poder acceder a determinado tipo de actividades europeas que se organizan para as linguas minoritarias. "Non é o mesmo acceder a actividades de intercambio de forma individual que colexiada", afirmou Cesáreo Sánchez Iglesias.

"Constituír Galeusca en federación é unha formalización administrativa para facer actos como asociación e non e o mesmo representar a 3 millóns de persoas que a máis de 20 millóns", manifestou.

Dentro de Europa, a federación pretende o recoñecimento das linguas minoritarias, ter unha maior visibilidade dentro do marco europeo. "Pedimos que o galego, o catalán e o vasco sexan recoñecidos na medida en que hai comunidades que falan e escriben nestas linguas", matizou o presidente dos escritores en lingua galega, colectivo que engloba a 360 autores.

Sánchez Iglesias espera que Galeusca sirva, pois, para dar impulso a estos tres idiomas, tanto dentro de España como no ámbito europeo, e que contribúa á dignificación do oficio do escritor para que este poida vivir do seu traballo.